• Doce patas de porco encabezaron o percorrido entre Vilar e a igrexa parroquial, con paradas en sete aldeas
• O alcalde e os concelleiros de Cultura e Turismo participaron nesta ancestral tradición
Valga, 2 de febreiro 2025.
Unha das edicións da Procesión dos Lacóns máis multitudinaria que se recordan na parroquia de Cordeiro realizou esta mañá o percorrido entre a capela de Vilar e a igrexa parroquial de Santa Comba, coas patas de porco como principais protagonistas do desfile, abrindo paso diante de San Roque, San Paio e San Antón. Os lacóns foron portados por veciños, principalmente mulleres e, as máis veteranas, coas cestas pousadas sobre as súas cabezas. Unha tradición que se mantén dende o século XIX, cando unha epidemia que afectou ao gando levou aos veciños a implorar a intercesión divina.
Os festexos arrancaron ás 10 da mañá na capela de San Paio, en Vilar, onde Manuel López Castro se encargou de bendicir as candeas e oficiou unha misa trala que arrancou o percorrido por sete aldeas da parroquia. Dende Vilar saíron dez lacóns, aos que se uniron outros dous en Vilarello. Algúns deles foron doados por entidades e asociacións de Valga, coma o Concello, Amigos do Belén ou O Baixo Ulla, e outros foron aportados por particulares.
A comitiva que escoltou aos lacóns e os tres santos estivo formada por varios centos de persoas -entre elas o alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros de Cultura e Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna-. Tampouco faltou a música de gaita para amenizar o paso, co grupo Os Mercenarios.
A coincidencia en domingo e a aposta cada vez máis decidida por manter esta mostra do patrimonio local fixeron que unha gran cantidade de veciños e familias enteiras se decidiran a realizar os arredor de catro quilómetros de percorrido e a cumprir con tradicións coma pasar por debaixo dos tres santos. Foron algo máis de dúas horas as que tardaron en completalo e, no medio, sete paradas nos lugares de Vilar, Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós en Beiro.
Altares engalanados con camelias, mimosas ou laranxas agardaban á comitiva, á que ademais se ía sumando cada vez máis xente. Unha salva de bombas anunciaba cada parada e, en Ferreirós, para repoñer forzas os participantes puideron degustar galletas e doces acompañados de viño doce e outras bebidas.
Á chegada á igrexa parroquial, a procesión deu unha volta completa ao templo antes de acceder ao interior, onde se celebrou outra misa, neste caso oficiada polo párroco Arturo Lores. Ao remate do acto relixioso chegou outro dos momentos álxidos da xornada: a poxa dos lacóns, que se venderon por prezos entre os 40 e os 80 euros. A recadación total foi de 740 euros.