- Os fondos recadados destinaranse á Fundación Unoentrecienmil, para financiar a investigación deste tipo de cancro
- Este mediodía correron os cativos de Campaña, Forno, Chenlo e Xanza e mañá farano os de Vilarello e Ferreirós
Valga, 30 de xaneiro 2025.
Alumnado, profesorado e comunidade educativa do CRA participaron esta mañá unha carreira solidaria que conxugou a conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e pola Paz coa concienciación sobre doenzas que afectan á poboación infantil e, en concreto, a leucemia.
“Consideramos fundamental que o noso alumnado adquira valores de solidariedade, cooperación e empatía”, incide a directora Antía Piñeiro. E por iso, a proposta da ANPA, o centro decidiuse a participar na Carreira Solidaria contra a Leucemia Infantil que promove, a nivel nacional, a Fundación Unoentrecienmil para recadar fondos para a investigación desta doenza.
Os cativos de Campaña, Forno, Xanza e Chenlo, aos que acompañaron pais, avós e outros achegados, botaron este mediodía a carreira, con saída na escola de Campaña e meta no parque da Mina Mercedes. Foi unha proba non competitiva, senón cooperativa, xa que “os que gañan son os nenos afectados pola leucemia”, reflexiona Antía Piñeiro. Os fondos xuntados polo CRA coas aportacións voluntarias da comunidade educativa serán destinados a financiar a investigación deste tipo de cancro.
Mañá continúa a actividade, xa que será a quenda do alumnado das escolas de Vilarello e Ferreirós.