- Participan vinte persoas desempregada de Valga, Portas e Moraña, que reciben formación remunerada
- O proxecto foi inaugurado esta mañá pola directora xeral de Formación e os tres alcaldes
Valga, 27 de xaneiro de 2025.
Valga, xunto cos concellos de Portas e Moraña, pon en marcha unha nova edición do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, que esta mañá foi inaugurada no Auditorio Municipal coa asistencia da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta, Zeltia Lado. Acompañárona os tres alcaldes, José María Bello Maneiro, Ricardo Martínez e José Luis Gómez, e a concelleira de Emprego valguesa, Carmen Gómez.
Este proxecto, para o que a Xunta de Galicia aporta 412.000 euros, formará durante nove meses a unha vintena de persoas desempregadas dos tres concellos promotores nas especialidades de carpintería e traballos forestais. “Aproveitade esta oportunidade que se vos dá para adquirir coñecementos e para aprender estas dúas profesións, co obxectivo de que logredes novas oportunidades laborais ben nalgunha das empresas da zona ou creando a vosa propia empresa”, díxolles Bello Maneiro aos aprendices.
A directora xeral referiuse a Valga, Moraña e Portas coma “tres concellos moi comprometidos coas oportunidade laborais dos seus veciños e exemplo de implicación neste tipo de proxectos” e remarcou que a fórmula da “formación remunerada” na que se basean os Obradoiros de Emprego “é eficaz á hora de promover o emprego de calidade e de axudar ás persoas desempregadas a desenvolver as súas capacidades profesionais e persoais”.
No acto tamén interveu o director do Obradoiro, Francisco Gómez, que lles pediu aos seus pupilos “ilusión” e traballo en equipo para que “todos saiamos beneficiados deste proxecto”, tendo en conta que as dúas especialidades que se imparten, carpintería e forestais, “son profesións con gran demanda laboral”.