Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Un grupo de veciños, música de gaita e salvas de bombas acompañaron á comitiva durante arredor de catro quilómetros

- O vindeiro 2 de febreiro celebrarase a Procesión dos Lacóns, unha das tradicións relixiosas máis antigas do concello

SanPaio25 1

Valga, 25 de xaneiro 2025.
San Paio celebra hoxe a súa festividade acompañado por San Roque e San Antón, que esta mañá percorreron con el os arredor de catro quilómetros que separan a igrexa de Cordeiro da capela de Vilar. Alí estarán os tres ata o día da Candeloria, 2 de febreiro, cando emprenderán o camiño de regreso ao templo parroquial na coñecida como Procesión dos Lacóns.

A comitiva desta mañá partiu pasadas as 9, cos tres santo levados a pé por un grupo de veciños da parroquia, entre eles os organizadores do festexo, os membros da Asociación veciñal e cultural de Vilarello. A música do grupo de gaitas Brisas do Río Ulla e a tirada de bombas ìa marcando o paso polas diferentes aldeas: Beiro, Ferreirós, Outeiro, As Eiras, Moldes, Vilarello e o punto de destino, Vilar. O desfile fixo tan só dúas paradas nas Eiras e en Vilarello nas que, aínda que foron breves, houbo tempo para coller folgos con doces, churros, chocolate e licores.

Xa cos santos a resgardo na capela, os gaiteiros realizaron un pasarrúas por Vilar e Vilarello ata que, ás 13:00 horas, se celebrou unha misa cantada pola Coral Polifónica Santa Comba.

Nos vindeiros días, ata o sábado, celebrarase a novena ás 17 horas e o domingo os actos da Candeloria darán comezo ás dez da mañá, cando terá lugar a bendición das candeas previa á saída da Procesión dos Lacóns cos veciños –tradicionalmente mulleres– portando sobre as súas cabezas cestas con patas de porco.

SanPaio25 2 SanPaio25 3

 

Volver