Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Román Rodríguez asistiu onte á tarde á inauguración do alumeado que conmemora as vodas de prata do centro

- Tamén se realizou unha demostración de robótica a cargo do ciclo de Mecatrónica Industrial

ConselleiroIES1

Valga, 25 de xaneiro de 2025.
Os festexos polas vodas de prata do IES Plurilingüe de Valga continuaron onte pola tarde coa participación do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que asistiu á inauguración do alumeado instalado na fachada do centro para conmemorar os seus 25 anos de actividade. O conselleiro acudiu, ademais, cun agasallo baixo o brazo, xa que se comprometeu a adoptar medidas para paliar a falta de espazo para os ciclos básico de Agroxardinaría e composicións florais e medio de Xardinaría e floraría. Como solución provisional a Consellería instalará un módulo de aulas móbiles nos terreos do vello campo de fútbol de Baño, que no seu día foron cedidos polo Concello á Xunta de Galicia precisamente para este fin.

O conselleiro estivo acompañado na súa visita a Valga polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, ademais de polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, que xa participaran nos actos institucionais da mañá. Tamén estiveron o director do IES, Eliseu Mera, profesorado e personal que pasou polo centro nestes 25 anos, coma o antigo mestre Daniel, que estivo á fronte da organización dos actos do aniversario.

No adecentamento exterior do IES participou alumnado de catro módulos de Formación Profesional: o básico de Agroxardinaría, o medio de Xardinaría, o ciclo medio de Mantemento e o superior de Mecatrónica Industrial. Os estudantes da rama agraria acondicionaron os xardíns dianteiros do centro, plantaron unha árbore como símbolo de sabedoría e decoraron a celosía que se instalou no acceso principal e que tamén foi dotada de iluminación. Ademais, tamén se colocaron tubos LED na cuberta da entrada e un letreiro luminoso de INOX no que pode lerse “IES Plurilingüe de Valga. 25 aniversario, 2000-2025”.

Os actos vespertinos incluíron unha demostración de robótica con varios aparellos autónomos que están pensados fundamentalmente para empregar en departamentos de loxística de empresas para transportar materiais dende o almacén ata as liñas de produción. As autoridades e demais asistentes ao aniversario tamén puideron comprobar o funcionamento dun guante sensorizado con aplicacións ergonómicas.

ConselleiroIES2 ConselleiroIES3

Volver