- O alcalde e a concelleira de Educación participaron nos actos protocolarios, xunto ao director xeral de Centros da Xunta
- Pola tarde tamén se sumará ás celebracións o conselleiro Román Rodríguez, para inaugurar a iluminación conmemorativa
Valga, 24 de xaneiro de 2025.
O IES Plurilingüe de Valga vive hoxe un día de celebracións con motivo do 25 aniversario do centro, que foi inaugurado oficialmente en data 25 de xaneiro do ano 2000, aínda que a actividade educativa xa se implantara a comezos daquel curso 1999/2000. Atrás quedaban nove meses de obras, máis de 3’5 millóns de euros de investimento e anos de xestións por parte do goberno municipal, dende que o alcalde, José María Bello Maneiro, lle plantexara por vez primeira esta demanda ao entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, en novembro de 1996, con motivo da inauguración da Casa da Cultura de Pontevalga e do pavillón de deportes de Baño.
Así o recordou este mediodía o rexedor durante o acto institucional ao que tamén asistiron a concelleira de Educación, Carmen Gómez; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez Bértolo; a alcaldesa de Pontecesures, Mª Teresa Tocino; e o tenente alcalde de Catoira, Raúl Gómez.
“Hoxe é unha xornada de ledicia”, dixo Bello Maneiro. “Celebramos que dende hai 25 anos os rapaces do noso concello non teñen que desprazarse a outras localidades para estudar ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional. Fai agora 28 anos iniciamos as xestións ante a Xunta de Galicia para que este proxecto se fixera realidade. Nese momento practicamente só o equipo de goberno local cría que esas xestións podían ter éxito. Conseguímolo e, con este instituto, pechamos o círculo educativo, permitindo que os nosos nenos e mozos poidan recibir formación sen saír de Valga dende os 0 anos e ata Bacharelato. E agora incluso máis, porque tamén podemos dicir que en Valga temos Universidade: a Universidade da Música”, concluíu o alcalde referíndose ao Conservatorio Superior. Por último, o alcalde pediulle á mocidade e aos valgueses en xeral que “nos sintamos orgullosos e presumamos do que temos no concello, porque é froito do traballo de todos” .
Ademais dos discursos protocolarios, o acto incluíu tamén a plantación dunha árbore, un gInkgo, que “simboliza a sabedoría e a resiliencia”, destacou o director do IES. Na súa intervención, Eliseu Mera reflexionou sobre o avance experimentado pola sociedade nas últimas décadas. “Este instituto que tedes á vosa disposición era inimaxinable unhas xeracións atrás”, díxolles aos actuais alumnos. “Por iso debemos traballar todos día a día para seguir avanzando e para que dereitos coma a igualdade de oportunidades ou o ensino universal se consoliden e se amplíen”.
Pola súa parte, o director xeral Álvarez Bértolo referiuse ao IES de Valga coma “un centro pequeno en dimensións pero pioneiro e un exemplo de innovación, fomentando a creatividade e o espírito crítico” entre o estudantado que pasa polas súas aulas.
A continuación celebrouse un xantar de confraternidade aberto a todo o persoal que pasou polo centro e, xa pola tarde, está prevista a visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e do xefe territorial de Pontevedra, César Pérez Ares, para presenciar a inauguración da iluminación da fachada do instituto, realizada polo alumnado do ciclo de Instalación e Mantemento. Esta iluminación manterase ata finais deste curso.