- Durante a xornada de hoxe tamén están a realizar traballo de promoción do xeodestino en varias cidades europeas
- O obxectivo é consolidar o produto turístico e medrar en número de visitantes
Valga, 23 de xaneiro de 2025.
Valga, xunto cos demais municipios que integran o xeodestino Mar de Santiago (Catoira, Pontecesures e Vilanova de Arousa), non falta á súa cita con Fitur, a feira por excelencia do sector turístico en España, que reúne na súa 45 edición a 9.500 empresas de 156 países diferentes. A concelleira de Turismo, Malena Isorna, é a encargada de representar ao Concello neste evento.
Esta mañá, dende o espazo expositivo de Galicia, levouse a cabo a presentación da “Estratexia do xeodestino Mar de Santiago 2030”, que busca dar un paso máis no labor de promoción que esta agrupación ven desenvolvendo dende fai anos e que a sitúa coma un dos referentes do turismo galego relacionado co Camiño de Santiago.
O principal obxectivo da presentación en Fitur é sentar as bases para consolidar este produto turístico e seguir medrando en número de visitantes e na calidade da experiencia, que parte da ruta marítimo-fluvial da Traslatio, coa que se rememora o percorrido realizado, no século I, pola embarcación que trasladou os restos do apóstolo Santiago a Galicia. A folla de ruta trazada polo xeodestino permitirá ás catro localidades que o compoñen seguir avanzando na consolidación, promoción e modernización dos seus recursos turísticos.
Na presentación, Malena Isorna estivo acompañada por outros representantes do territorio Mar de Santiago: o alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño; la rexedora de Pontecesures, Mª Teresa Tocino; e a concelleira de Educación de Vilanova, Áurea Bermúdez. Todos eles participarán durante a xornada de hoxe en diferentes reunións para promocionar o destino en cidades europeas coma Dublín, París ou Copenhague.