Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os docentes do país andino estiveron hoxe nas nosas escolas rurais para coñecer como é a educación rural

- A fórmula aplicada polo CRA, conectada á contorna social, conseguiu multiplicar o alumnado e abrir novas aulas

VisitaChileCRA 1

Valga, 23 de xaneiro 2025.

Que o CRA de Valga se ten convertido nos últimos anos en referente, tanto a nivel rexional coma nacional, é xa sabido. Pero agora é tamén “referente” internacional, confirma orgullosa a súa directora, Antía Piñeiro, que hoxe recibiu a unha vintena de profesores procedentes de Chile que están a participar nun curso de Posgrao da Universidade de Santiago.

É o segundo ano consecutivo que realizan a visita ás escolas de Valga como parte do programa formativo deste curso. “O ano pasado viñeron comprobar como traballamos a educación emocional e, gustoulles tanto, que nesta ocasión tamén tratamos as metodoloxías innovadoras e a inclusión educativa”, explica a directora do CRA. “Os proxectos que descubriron o ano pasado nas nosas aulas fóronlles de moito proveito. De feito”, engade, “nos últimos meses mandáronnos fotos e vídeos de todo o que exportaron a Chile. Somos un referente para eles”.

Para a expedición chegada do país andino esta visita ao Centro Rural Agrupado representa “unha experiencia enriquecedora de intercambio cultural e educativo” na que os participantes teñen a oportunidade de coñecer de primeira man o modelo educativo do rural de Galicia.

Os mestres chilenos puideron interactuar co alumnado do CRA, explorar as estratexias innovadoras implementadas nas diferente escolas, coñecer como se integra a tecnoloxía e cales son as metodoloxías educativas coas que se promove a autonomía dos cativos. Ademais, intercambiaron opinións co profesorado local sobre boas prácticas, inclusión educativa e o papel da comunidade no proceso de aprendizaxe.

VisitaChileCRA 2 VisitaChileCRA 3

Volver