- A actividade, que é gratuíta, é impartida por Ángeles Garrido en dous grupos: no Auditorio e no CODI
- Trata de favorecer o envellecemento activo e mellorar as relacións sociais dos inscritos
Valga, 22 de xaneiro de decembro de 2025.
O Campus Sénior, o programa que desenvolve o Concello de Valga para favorecer o envellecemento activo, ten un curso máis a expresión artística coma unha das actividades centrais. Nela participan, dende o pasado mes de novembro case unha trintena de persoas afeccionadas á pintura e a outro tipo de artes manuais que se reúnen todos os venres no CODI (15 inscritos) e no Auditorio (11).
Baixo as directrices da artista local Ángeles Garrido algúns dan os seus primeiros pasos cos pinceis, aínda que tamén hai veteranos que levan participando nesta actividade máis dun lustro. Practican pintura sobre diferentes soportes, dende lenzo ata tella, taboa ou cristal, entre outros. E sempre baixo a premisa de expresar os seus propios intereses e realizar traballos que os motiven para seguir realizando esta e outras actividades e reforcen as súas relacións sociais e interveciñais.
O curso prolongarase ata o mes de xuño, cando poderemos ver o resultado destes meses de traballo nunha exposición no Auditorio Municipal.
Esta actividade, que é gratuíta, diríxese principalmente a maiores de 55 anos e, con ela, trátase de que a veciñanza se manteña activa a pesar do paso dos anos, estimulando a creatividade dos participantes e traballando aspectos coma a psicomotricidade.