Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde asistiu esta mañá a unha xuntanza na Consellería de Política Social, que concedeu 190.000 do Plan Concertado para o programa de atención á discapacidade

- A Xunta tamén investiu máis de 134.000 euros na adquisición dun vehículo adaptado e na realización de melloras no Centro de Día e no CODI

ReunionConselleiraPoliticaSocial1

Valga, 21 de xaneiro 2025.
A Xunta de Galicia destinou o pasado ano máis de 300.000 euros ao concello de Valga para reforzar diferentes servizos de atención aos maiores e ás persoas con discapacidade. Así o sinalaron esta mañá o alcalde, José María Bello Maneiro, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, despois dunha xuntanza na que trataron diferentes asuntos relacionados cos servizos sociais. Na reunión tamén participaron a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez; o xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; e os directores xerais de Inclusión Social, Arturo Parrado, e de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.

A Consellería destinou a Valga unha partida de máis de 134.000 euros a través de tres convenios para diferentes actuacións: 47.000 euros foron destinados a financiar as obras de acondicionamento do Centro ocupacional para persoas con discapacidade (CODI) e 67.000 euros á adquisición dun vehículo adaptado para o traslado dos usuarios deste mesmo centro. Ademais, a Xunta financiou con 20.000 euros obras de mellora do Centro de Día.

Por outra parte, o Concello tamén se beneficiou de máis de 190.000 euros de achegas a través do Plan Concertado. Esta contía está destinada á contratación de persoal e ao desenvolvemento dun programa específico de atención ás persoas con discapacidade.

Por último, a conselleira e o alcalde fixeron fincapé na relación de colaboración existente entre o Concello e a Xunta para a mellora da atención aos cidadáns. En concreto, destacaron que a administración autonómica destina máis de 107.000 euros para financiar a gratuidade da Escola Infantil Municipal. Ademais, en Valga hai 55 persoas beneficiarias do bono coidado no fogar que reciben unha axuda directa de 5.000 euros anuais.

ReunionConselleiraPoliticaSocial2

Volver