- Estanse a repartir publicacións gañadoras de distintas edicións do premio de investigación Xesús Ferro Couselo
- Acompáñanse dunha biografía de María Victoria Moreno e unha relación de todos os autores homenaxeados dende 1963
Valga, 16 de maio de 2018.
Na véspera do Día das Letras Galegas, os veciños que durante esta mañá se achegan ás oficinas municipais están a recibir un libro como agasallo.
Trátase de obras gañadoras de distintas edicións do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, en concreto “Vade Retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso e amuletos na cultura popular galega”, de Rafael Quintía Pereira, premiada na edición de 2017; e “Cultura letrada e alfabetización no Baixo Ulla. Séculos XVIII-XIX”, de Ana María Sixto Barcia, galardoada no ano 2011. Ambas publicacións acaban de ser editadas polo Concello.
Os libros acompáñanse dunha reseña biográfica de María Victoria Moreno, autora á que a Real Academia Galega adica este ano o Día das Letras, e unha relación de todos os escritores e literatos homenaxeados dende que se instaurou esta celebración no ano 1963. Entre eles, o investigador e ensaísta valgués Xesús Ignacio Ferro Couselo, ao que se dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1996.