- Coa execución desta obra, os peóns poderán camiñar de xeito seguro e ininterrompido entre Pontevalga e a estrada PO-548
- Regularizarase a rotonda da intersección, coa colocación de nova sinalización, e asfaltarase un tramo de pista
Valga, 21 de xaneiro de 2025.
A mellora da mobilidade e da seguridade viaria segue a ser una prioridade para o goberno local, co obxectivo de diminuír o risco de accidentes, ofrecer un espazo seguro aos peóns e evitar posibles conflitos entre vehículos e transeúntes.
Neste ámbito, un dos próximos proxectos está previsto executar é a continuidade da senda peonil do Carballiño e a reorganización do cruce Carballiño-Sixto, unha obra que acaba de ser licitada por importe de 116.042’61 euros e que o Concello financiará con fondos do programa +Provincia, da Deputación de Pontevedra.
As actuacións que se levarán a cabo será a construción dun novo tramo de senda que conecte a zona da intersección Carballiño-Sixto co cruce que dá acceso á empresa ODL. Esta vía para tránsito peonil deseñarase para ser accesible para todas as persoas, incluíndo aquelas con mobilidade reducida, garantindo un acceso seguro e cómodo.
Unha vez executado este tramo, o último que falta, os camiñantes poderán circular de xeito seguro e ininterrompido entre a zona de Pontevalga e a estrada PO-548, en Campaña (á altura da Mina Mercedes).
Outra das accións incluídas no proxecto é a reordenación do tránsito no cruce Carballiño-Sixto, onde se regularizará a rotonda e se instalará nova sinalización horizontal e vertical para reforzar a seguridade. Tamén está prevista a colocación de redutores de velocidade e o asfaltado dun tramo de pista para dar servizo a vivendas da zona, incluíndo a instalación de canalizacións para abastecemento de augas, saneamento e iluminación.
As empresas que queiran participar no concurso teñen de prazo ata o día 12 de febreiro para presentar as súas ofertas.