- A mostra conta con obras de Ángeles Garrido, Ana González e o falecido Pepe Potel
- Pode verse no Auditorio Municipal ata finais do mes de febreiro
Valga, 20 de xaneiro de 2025.
Ángeles Garrido, Ana María González, e o falecido Pepe Potel son os protagonistas no que resta de xaneiro e tamén en febreiro na sala de exposicións do Auditorio Municipal, cunha nova edición da mostra “A tres mans”, que conxuga disciplinas coma a pintura, escultura e cerámica.
Ángeles Garrido aporta unha serie cadros de acrílico e óleo sobre mulleres e tamén con temática animalista. “Na arte, as representacións de animais non só serven para significar o carácter dunha persoa ou para transmitir emocións, senón que tamén poden aludir a cuestións relixiosas, míticas e poéticas ou, sinxelamente, permiten ao artista aportar contexto coma nas pinturas rupestres”, explica a artista.
En canto aos cadros de temática feminina, “sempre os levo nas miñas exposicións e derivan do símbolo de Venus, a deusa do amor e que representa o nacemento, a fertilidade e o desexo”. Para a Ángeles Garrido tamén evoca “a forza e a loita pola igualdade e o empoderamento das mulleres”.
A pintura era tamén a disciplina predilecta do falecido Pepe Potel. Os seus achegados seleccionaron para esta exposición varias obras representativas da súa traxectoria cos pinceis e nas que a temática é variada: dende pinturas abstractas realizadas con pigmentos sobre lenzo, ata óleos sobre lenzo con motivos costumistas.
A terceira participante nesta iniciativa cultura é a restauradora Ana María González, que trata de amosar coas súas obras as distintas aplicacións da arte “como vía para transmitir sentimentos”. Por unha parte, dúas pinturas en óleo e unha paisaxe, por outra pezas de artesanía co gato como protagonista e de cerámica. Estas últimas son representacións das Torres de Oeste de Catoira.
Por último, tamén quere enxalzar o papel da arte como medio de “divulgación”, por exemplo a través da reprodución de materiais arqueolóxicos. A peza que aporta é a reprodución dunha antiga moeda acuñada en Francia e que foi atopada nas Torres de Oeste, que foi cedida temporalmente para esta exposición polo Concello de Catoira. “A importancia e curiosidade desta moeda radica en que xusto o ano no que comezou a acuñarse, o 1068, foi o mesmo no que naceu naceu Diego Xelmirez en Galicia, moi probablemente nas propias Torres de Oeste”, conclúe a artista.