Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e o director do CSM Galicia presentaron esta mañá o concerto, ao que os valgueses poden asistir de xeito gratuíto en autobuses fletados polo Concello

- A actuación terá lugar o 22 de febreiro e as inscricións poden realizarse nas oficinas municipais e no Auditorio ata o día 14

PresentaciónGoldeneNote1

 Valga, 17 de xaneiro 2025.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e o director do Centro Superior de Música, Simón Ibáñez, presentaron esta mañá a Gala Goldene Note, que se traerá o vindeiro mes de febreiro a Valga e a Galicia aos gañadores do concurso de novos talentos da televisión pública austríaca Goldene Note: a arpista Amelie Jade Knapp, a oboísta Mira Hanner e o pianista Paul Herbst. Os tres mellores músicos da última edición estarán acompañados por outros dous gañadores de anos anteriores: Soley Blümel (piano) e Raphaël Bleuse (violín).

O concerto celebrarase o vindeiro 22 de febreiro no Auditorio de Galicia, en Santiago, onde actuarán acompañados por unha orquestra sinfónica formada para a ocasión con músicos na maioría galegos e algúns deles membros da Real Filharmonía de Galicia. Á batuta estará Miran Vaupotić, un director contrastado que ten traballado con agrupacións internacionais coma a London Symphony Orchestra, a Royal Scottish National Orchestra ou a Berliner Symphoniker.

Leona König, presentadora do certame Goldene Note e presidenta da Fundación Internacional de Música para nenos con altas capacidades será a mestra de cerimonias.

No pasado mes de maio, o alcalde, a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, Mª Jesús Rey e Simón Ibáñez participaron en Viena na gravación da gala final do concurso, que promociona a novos talentos no ámbito da música clásica, co obxectivo de facela accesible a un público máis amplo e, en concreto, á mocidade. Ibáñez foi, ademais, xurado da semifinal, en virtude dun acordo de colaboración entre a organización de Goldene Note e o Centro Superior de Música de Valga.

Como parte dos seus premios, os tres gañadores son alumnos becados do Promotion Program do CSM Galicia, durante este curso 2024-25. Ofréceselles, deste xeito, a posibilidade de participar en concertos e recitais en teatros e auditorios de prestixio nacional e internacional, compartindo escenario con profesionais. Un estes eventos é a gala do día 22 en Santiago. Nos días previos, ademais, os tres talentos austríacos estarán en Valga participando en clases maxistrais e ensaios preparatorios no Auditorio Municipal.

As entrada para o concerto xa están á venda a través da páxina web vincuticket.com. Para as persoas empadroadas en Valga a asistencia será gratuíta e o Concello fletará autobuses para trasladar a Santiago a todos os veciños que o desexen. Para iso deben inscribirse no Concello ( 986 55 94 56, extensión 2019) ou no Auditorio (659 06 37 14). O prazo estará aberto ata o venres 14 de febreiro.

O alcalde e o director do CSM destacaron a proxección que este evento está a dar a Valga e ao CSM Galicia. As galas do concurso Goldene Note acadan en Austria unha audiencia de ata dous millóns de persoas (nun país de menos de 9 millóns de habitantes) e emítense tamén con éxito en Alemaña. Ademais, a noticia da próxima actuación dos gañadores en Galicia está a ter unha importante repercusión nos medios de comunicación austríacos.

“Estamos moi contentos de poder traer a España por vez primeira esta gala, que xa se ten celebrado en Dubái ou Mónaco e que vai realizarse tamén en Nova Iorque”, destacou o director do CSM. O alcalde remarcou, tamén, que se trata dun evento “importantísimo para Valga e o noso conservatorio. É para sentirnos satisfeitos e orgullosos”.

Na presentación participaron tamén as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna e presidente do CSM, Manuel Villar Touceda.

PresentaciónGoldeneNote2 PresentaciónGoldeneNote3

CartelGoldeneNote

Volver