- Nas sesións, que se prolongarán ata febreiro, trátanse temas coma as redes sociais, o consumo de drogas ou o xogo patolóxigo
- O obxectivo é fomentar entre a mocidade a vida saudable e libre de hábitos perniciosos
Valga, 16 de xaneiro de 2024.
A Unidade de Prevención das Condutas Aditivas dos concellos de Valga, Dodro, Padrón, Rois e Rianxo deu comezo esta semana ás intervencións no ámbito educativo, en concreto no IES de Valga, onde se desenvolverán actividades durante os meses de xaneiro e febreiro.
A mocidade é un dos principais sectores poboacionais aos que se dirixen as accións da Unidade, sempre co obxectivo de promocionar a vida saudable e libre de calquera tipo de hábitos perniciosos. Un total de 234 alumnos do instituto participarán no programa, que se dirixe tanto a estudantes de ESO coma de FP básica.
Abordaranse algunhas das principais problemáticas que, no ámbito das adiccións, afectan na actualidade aos mozos, dende o consumo de drogas e substancias nocivas, ata cuestións coma a ludopatía.
Co alumnado de menor idade, o de 1º da ESO, desenvolveranse sesións centradas no uso e abuso das redes sociais e os cigarros electrónicos (vápers). Os grupos de 2º de ESO e 1º de FP participaran en charlas sobre os prexuízos do tabaco (tanto tradicional coma vapeadores), o cannabis e o alcohol. En 3º de ESO introduciranse tamén nas charlas as bebidas enerxéticas e os seus efectos, mentres que cos estudantes de 4º de ESO e 2º de FP trataranse o xogo patolóxico, o alcohol e o cannabis.
En paralelo a estes programas de carácter educativo, a Unidade tamén desenvolve accións dirixidas, a outros ámbitos coma o laboral ou o familiar.