- Pode participar o alumnado dos colexios de Baño e Cordeiro, agrupado por aulas
- Repartiranse 225 euros en vales para material didáctico
Valga, 16 de maio de 2018.
O alumnado dos colexios de Educación Primaria de Valga –o CEIP Baño-Xanza e o CEP Xesús Ferro Couselo de Cordeiro– pode participar no concurso de debuxo para elixir o cartel anunciador da XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que se celebra os días 24 e 25 de agosto. A participación non será individual, senón que se presentará unha ilustración por aula.
Segundo as bases, os debuxos deben facer referencia aos dous produtos que se enxalzan na festa, a anguía e a caña, e axustaranse á medida de 60x40 centímetros en formato vertical. Levarán obrigatoriamente o escudo e o nome do Concello de Valga e o seguinte texto: “XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. 24 e 25 de agosto de 2018”. Será obrigatorio presentar o orixinal, limitándose a identificación dos autores a un lema ou pseudónimo. Nun sobre pechado indicarase a clase e o colexio aos que pertence a obra.
Os carteis enviaranse ao rexistro do Concello antes das 12 horas do día 22 de xuño. O xurado que os valorará estará formado por un representante de cada colexio, a concelleira de Educación e un membro do departamento municipal de Cultura. O fallo do concurso farase público o 26 de xuño. Outorgaranse tres premios de 100, 75 e 50 euros en material didáctico e máis os respectivos trofeos. O 1º premio será, ademais, o cartel anunciador da XXVIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
Os carteis gañadores serán propiedade municipal. Os demais poderán recuperarse transcorridos 30 días dende o fallo do xurado. A organización poderá facer unha exposición coas obras presentadas se o considera oportuno.