- Co apoio económico de Mar de Santiago reparouse a greta para gañar estabilidade e elimináronse as colonizacións biolóxicas
- Esta peza forma parte do Vía Crucis marítimo fluvial da Ruta Xacobea de Arousa de Ulla
Valga, 15 de xaneiro de 2025.
O Concello de Valga, co apoio económico do xeodestino Mar de Santiago, vén de executar unha nova obra de conservación do seu patrimonio cultural que, neste caso, afectou ao cruceiro da praia fluvial de Vilarello. Esta peza é un dos 17 fitos que forman parte do Vía Crucis marítimo fluvial da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e río Ulla, que rememora o percorrido que realizou, no século I, a embarcación que trasladou os restos do apóstolo Santiago a Galicia.
Este cruceiro de granito está formado por un dado de forma cúbica, fuste de 186 centímetros de altura, capitel e unha cruz coa imaxe dun Cristo na súa orientación norte e dun peregrino en actitude orante cara o sur.
A súa situación era preocupante, xa que o varal presentaba unha fisura que o fixo perder estabilidade. De feito, abaneaba lixeiramente coa forza do vento, con conseguinte risco de caída. Ademais, a peza tamén presentaba outras alteracións superficiais coma colonización biolóxica de liques e musgos, especialmente na zona superior da cruz e as figuras e no cubo.
Os traballos de restauración foron realizados polo canteiro David Soengas, a restauradora Ana Sánchez e o auxiliar Luis Enrique Rodríguez. Retiraron a cruz para traballar sobre ela e o capitel no que se apoia e interviñeron directamente na zona da fisura, realizando recheos con resina epoxi para consolidar e unir os espazos baleiros. Para reforzar a unión tamén se introduciu unha varilla corrugada. Para finalizar, reintegráronse as xuntas da fisura con morteiro de cal de cor similar ao da pedra orixinal.
Outra das actuacións que se levaron a cabo foi a restauración da cabeza da columna, tras detectarse unha antiga rotura do capitel en dous fragmentos. Empregouse tamén resina epoxi e colocáronse un arame de latón, varias grampas e unha peza en forma de “U” como reforzo.
Unha vez recolocada a cruz no seu emprazamento, levouse a cabo a última intervención que consistiu na eliminación das biocolonizacións. A limpeza de toda a superficie realizouse con cepillos e brochas suaves para retirar os depósitos de terra e biolóxicos indesexados e, posteriormente, aplicouse un tratamento biocida para eliminar esporas que favorezan posteriores colonizacións.