Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Crearon os cadros nun obradoiro artístico impartido por Sofía Jamardo e Laura Montes, estudantes de Belas Artes

- Este proxecto pon de manifesto o poder transformador da arte como ferramenta de inclusión social

BosqueBucólico1

Valga, 14 de xaneiro de 2025.

O Auditorio Municipal acolle dende hoxe e ata finais de xaneiro a exposición “O Bosque Bucólico”, que invita a reflexionar sobre a riqueza das zonas rurais e a importancia da inclusión. Trátase dunha colección de lenzos creados polos usuarios do CODI nun obradoiro artístico impartido polas mozas Sofía Jamardo López e Laura Montes Fernández, estudantes de Belas Artes.

Sofía é veciña do Carballiño e foi quen propuxo á súa compañeira Laura, do Milladoiro, o desenvolvemento deste proxecto en colaboración co Concello e coa asociación Asdivalu. “Presentámoslles aos participantes diferentes imaxes de Valga e eles elixiron o que querían pintar. Durante as xornadas que durou o taller, puideron exteriorizar a súa creatividade e as súas capacidades”, reproducindo paisaxes coma a Mina Mercedes, o río Ulla e outros lugares e aldeas de Valga, explican as comisarias da mostra.

Flora Castromán, Bárbara Bragaña, Elena Domínguez, Esther Portas, Sergio Eiras, María Domínguez e Esther Gómez son os autores dos cadros, que poden verse na planta baixa do Auditorio en horario de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Este proxecto, que xorde do compromiso coa diversidade e a sensibilización de Sofía Jamardo e Laura Montes, non só busca promover a arte como unha ferramenta de expresión, senón que tamén trata de “darlle visibilidade ás persoas que forman parte da nosa comunidade e poñer en valor a vida en zonas rurais. Foi unha gran oportunidade para fomentar a conexión entre os participantes, creando un espazo de encontro, aprendizaxe e colaboración”, destacan as dúas estudantes.

Ademais, a través de iniciativas coma esta, ponse de manifesto o poder transformador da arte como ferramenta de inclusión social e empoderamento.

BosqueBucólico2 BosqueBucólico3

BosqueBucólicoCartel

Volver