Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A presidenta de Amigos do Belén valora este Nadal coma o máis exitoso, con “moitísima xente que marchou encantada”

- Dende agora e ata setembro os grupos aínda poden visitar o nacemento, solicitando cita previa no teléfono 630 95 25 15

BelénVisita2024

Valga, 13 de xaneiro de 2025.

O Belén Artesanal en Movemento pechou este domingo a súa edición número trinta, que deixa un sabor de boca case inmellorable nos artífices da montaxe, a asociación Amigos do Belén. A súa presidenta, Mari Carmen Castiñeiras, valora este Nadal coma “o mellor dende sempre”, tanto pola cantidade de público como polas sensacións coas que os visitantes marcharon de Campaña. “Sempre hai críticas, como é lóxico, pero a gran maioría das persoas e excursionistas que viñeron quedaron encantados, gustoulles moito”, sinala.

“O que máis lles impactou”, continúa a presidenta, “foi a homenaxe ás vítimas da DANA”, para as que Amigos do Belén recadou 7.352 euros a través dunha tómbola benéfica.

Foron máis de 45.000 as persoas que se achegaron a Valga dende o primeiro domingo de decembro atraídos polo Belén Artesanal, que está declarado de Interese Turístico de Galicia e é o máis grande de Galicia con movemento. Xentes de lugares insospeitados, coma Sudáfrica ou Estados Unidos, ademais de toda a xeografía de España e de Galicia. Incluso este domingo, o último de apertura, se recibiron cinco excursións chegadas de Lalín, Lugo ou Silleda, entre outras zonas.

As xornadas con maiores aglomeracións –as esperas para entrar chegaron algúns días ás dúas horas e media– foron a inaugural, a ponte da Constitución, as datas de Nadal e a tarde de Reis, cando se celebrou a cabalgata aos Magos de Oriente nos exteriores do nacemento. Ademais, nesta edición, a diferencia doutras precedentes, rexistráronse cifras de visitas moi importantes entre semana. De feito, a afluencia constante de público levou a introducir cambios nos horarios mediada a edición, abrindo tamén os sábados pola mañá.

Dende agora e ata o mes de setembro, o Belén aínda poderá ser visitado por grupos previa solicitude de cita a través do teléfono 630 95 25 15.

Volver