- O deputado provincial Javier Tourís mantivo unha xuntanza co alcalde para avanzar en materia de sostibilidade
- A oficina móbil do programa + Renovables durante a xornada de hoxe en Valga
Valga, 13 de xaneiro de 2025.
A Deputación de Pontevedra, a través da Oficina de Transformación Comunitaria, vai a elaborar un estudo enerxético do concello de Valga co obxectivo de avanzar en materia de eficiencia e aforro. O deputado provincial de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, participou está mañá nunha xuntanza co alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, na que tamén estiveron presentes técnicos de ambas administracións.
Foi unha reunión preparatoria de cara ao comezo dos traballos de redacción do estudo, no que se analizarán cuestión coma o consumo enerxético actual do Concello e a capacidade que ten para xerar enerxía fotovoltaica, para impulsar accións de aforro e eficiencia enerxética. Por exemplo, a colocación de placas solares, que xa están en funcionamento no edificio do Museo e que está previsto instalar tamén no Auditorio e na estación depuradora (EDAR). Estas obras serán licitadas proximamente, avanza o alcalde.
A oficina móbil do programa +Renovables está a percorrer os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para informar, asesorar e acompañar proxectos relacionados coa eficiencia enerxética desde a súa creación ata a produción e o autoconsumo, para implicar aos pequenos concellos nos retos da sostibilidade.
A Oficina de Transformación Comunitaria do programa +Renovables conta cun orzamento de 370.000 euros e está financiada con fondos europeos Next Generation para fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a principal prioridade.