- As dúas agrupacións compartiron escenario e interpretaron un repertorio de panxoliñas e outros temas de Nadal
- O alcalde e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna asistiron ao espectáculo musical
Valga, 7 de xaneiro de 2025.
A Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro e a Orquestra Clásica de Valga foron as encargadas de estrear a programación cultural do Auditorio neste novo ano, cun concerto de Reis no que interpretaron un repertorio de panxoliñas e outros temas de Nadal.
A coral foi a primeira en subir ao escenario, baixo a dirección de Manuel López Castro. Cantaron as cancións “Vedle nacer”, “Lirio del alba”, O Carrapuchiño” e Soy un pobre pastorcito”. Durante esta actuación produciuse o debut das últimas cinco incorporacións á agrupación polifónica e o seu director aproveitou para animar a máis valgueses a sumarse a este proxecto e a seguir asistindo aos concertos das agrupacións locais para “gozar de toda a arte que temos en Valga” e, ademais, porque “cando temos público sempre intentamos superarnos”.
Despois foi chego o momento da Orquestra Clásica da Escola Municipal de Música, con Manuel Villar Touceda á batura. Os temas que soaron foron “Someone in the crowd”, “All I want for Christmas is you”, a “Marcha Radetzky”, de Strauss, e “Dazón nº 2”, coa participación como solista da frautista Yassmin Noel Bolívar, alumna do Centro Superior de Música.
Na terceira parte do concerto, coral e orquestra xuntáronse sobre o escenario para interpretar “Aleluya”, “Canción de cuna”, “Noite de paz” e, como peche, o Himno de Valga.
Antes do remate do evento, o alcalde, que se confesou “emocionado por este concerto espectacular”, quixo transmitir o “orgullosos que estamos da coral, da orquestra, da banda municipal, do conservatorio de música e de todo o que represente a Valga”. Lembrou que “fai 25 anos, cando comezamos a construír estas instalacións (en referencia ao Auditorio), era un soño poder chegar a vivir noites coma esta, pero a realidade superou amplamente aos soños”. Ademais de Bello Maneiro, tamén asistiron á actuación as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna.