Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Máis de catrocentos nenos recibiron agasallos de Melchr, Gaspar e Baltasar, que os saudaron e fixeron fotos con eles

- Tamén se repartiron arredor de mil racións de chocolate con churros

RecepciónReis25 1

Valga, 5 de xaneiro 2025.
A maxia do Nadal gañou á chuvia (que, ao final, durante a tarde non foi tanta como se prevía) e permitiu ás familias de Valga gozar dunha multitudinaria recepción aos Reis Magos nos exteriores do Belén Artesanal.

Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron toda a tarde acompañando aos valgueses, primeiro cunha visita aos domicilios das tres veciñas centenarias: María Tarrío (das Eiras, 102 anos), Dolores Benilde Castaño (de Laxes, 100 anos) e Manuela Eiras (de Ferreirós, 100 anos). E despois acudindo á cita xunto ao Belén para saudar a todos os nenos e repartir os primeiros agasallos.

Centos de cativos e as súas familias esperaban ansiosos a chegada do séquito real. Os Magos de Oriente estiveron acompañados polos seus paxes, que repartiron caramelos entre todas as persoas que acudiron á cita. O encargado de darlles a benvida foi o alcalde, José María Bello Maneiro, que lles agradeceu que, un ano máis e a pesar do inxente traballo que teñen nestes días, estiveran a carón dos nenos de Valga, cumprindo as súas ilusións. O rexedor tamén se dirixiu aos pequenos, aos que pediu que esta noite se deiten cedo para que Melchor, Gaspar e Baltasar poidan obrar a súa maxia e deixar todos os agasallos nos seus fogares.

Melchor tamén tivo unha mensaxe para os rapaces valgueses, pedíndolles que non só se porten ben durante o Nadal, senón que o fagan durante todo o ano tanto coas súas familias coma cos seus amigos.

As Maxestades de Oriente foron recibindo un por un a todos os rapaces que os estaban agardando, aos que entregaron un agasallo. Tomaron nota das últimas peticións dos cativos e fixeron fotos con eles (e tamén con algúns maiores que seguen a vivir esta xornada coa mesma ilusión que cando eran nenos).

En total, máis de catrocentos rapaces recibiron regalos dos Magos.

Trala recepción, houbo unha degustación gratuíta de chocolate con churros para todos os asistentes, na que se despacharon arredor de mil racións.

RecepciónReis25 2 RecepciónReis25 3

Volver