- Os traballos están sendo executados pola empresa Elecnor
- Un convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Industria suporá un investimento de 735.000 euros no vindeiro ano
Valga, 31 de decembro de 2024.
As obras de construción da nova subestación eléctrica de Valga, que se desenvolven na Medela (Xanza), continúan segundo o previsto, co obxectivo de mellorar a calidade da subministración eléctrica no municipio e, especialmente, para garantir potencia suficiente para a actividade industrial que actualmente se desenvolve en Valga e futuras empresas que poidan asentarse.
Porque esta subestación ten como obxectivo dotar de subministración ao futuro polígono industrial que se proxecta no propio lugar da Medela, pero tamén se conectará a esta nova liña a empresa Extrugasa, que precisa un aumento de potencia para a súa planta de Campaña. Por iso, no seu día e para impulsar este proxecto, se asinou un convenio de colaboración entre o Concello, Extrugasa e Fenosa que, unha vez rematadas as obras, se fará cargo da explotación da subestación transformadora.
Esta infraestrutura, denominada STR Medela, alimentarase mediante a construción dunha nova liña eléctrica de aproximadamente 50 metros de lonxitude que conectará a nova subestación coa liña de interconexión das subestacións de Padrón e Tivo (Caldas).
Para a finalización das obras, o Concello e a Consellería de Industria asinaron un convenio de colaboración que suporá o investimento de 735.147 euros no vindeiro ano. A subvención total concedida pola Xunta de Galicia ascende a un millón de euros.
Está previsto que os traballos, que está executando a empresa Elecnor, rematen a mediados de 2025.