- Tamén saíron adiante a Axenda Urbana 2030 do xeodestino turístico Mar de Santiago e as expropiacións de terreos afectados para ampliación dunha vía municipal en Pontevalga
- O presuposto recolle investimentos por valor de 2’7 millóns de euros para o vindeiro exercicio
Valga, 31 de decembro de 2024.
A Corporación municipal reuniuse onte nun pleno ordinario no que se quedaron aprobados inicialmente os orzamentos do Concello para o vindeiro ano 2025, que ascenden 8.475.157 euros.
As contas destinan 2’7 millóns a investimentos reais. Entre eles atópase a finalización da construción dunha subestación eléctrica no lugar da Medela para dar servizo a un futuro polígono industrial e tamén á empresa Extrugasa, actuación para a que se reservan 735.147 euros, que cofinanciarán Concello e Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Industria. Outro dos investimentos máis cuantiosos é o peche perimetral da lagoa Porto Piñeiro, con 303.689 euros, igualmente cofinanciados entre as administracións municipal e autonómica.
O orzamento tamén destina 100.000 euros para melloras no Punto Limpo e reserva cantidades para continuar coa construción de sendas peonís, para mantemento de edificios e infraestruturas municipais coma o Museo, o Concello, o Auditorio ou instalacións deportivas, entre outras.
O punto foi aprobado con nove votos a favor dos concelleiros do grupo de goberno e dous en contra, cadanseu de PSOE e BNG.
A orde do día da sesión incluíu tamén a adhesión de Valga á asociación de concellos galegos afectados pola autoestrada de peaxe AP-9, un punto que foi aprobado, nomeándose ao alcalde como representante municipal nesta nova entidade e facultándoo para realizar as xestións que resulten precisas. Durante este ano 2024 os municipios polos que discorre a AP-9 acadaron o obxectivo de recadar o importe total do IBI, pasando a concesionaria, Audasa, a pagar o 100% do imposto, cando antes os concellos só percibían o 5%. Para estudar a viabilidade de obter novos beneficios para os concellos polos que transcorre a autoestrada, entre eles Valga, constitúese esta asociación que ten, entre as súas finalidades: defender os intereses dos municipios adheridos, coordinar solucións aos seus problemas comúns e representalos ante administracións e entidades de carácter supramunicipal.
Outro dos asuntos tratados no Pleno foi o proxecto de apertura dunha nova vía para circulación de vehículos entre a rúa Doutor de Oya Salgueiro, en Pontevalga, coa estrada municipal cara o Carballiño, un actuación que conta cun orzamento de case 50.000 euros e que se financiará a través do plan + Provincia da Deputación de Pontevedra. Para poder levar acabo esta obra, aprobouse a relación definitiva e valorada dos bens afectados que serán obxecto de expropiación.
Por último, tamén foi aprobada a Axenda Urbana 2030 do xeodestino turístico “Mar de Santiago”, como folla de ruta para o desenvolvemento sostible dos catro concellos que o integran, entre eles Valga.