- O seu percorrido incluíu a Escola Infantil e o Auditorio, onde alumnos do CRA e dos colexios de Baño e Ferro Couselo compartiron un festival
- O día 5 de xaneiro regresarán ao municipio, para saudar a todos os cativos nos exteriores do Belén Artesanal
Valga, 20 de decembro de 2024.
Os nenos de Valga recibiron esta mañá unha visita moi especial, a dos Reis Magos, que aproveitaron o último día de colexio antes das vacacións de Nadal para saudar aos cativos e recoller as cartas que lles escribiron cos seus desexos.
Melchor, Gaspar e Baltasar iniciaron a xornada cunha parada na Escola Infantil Municipal, onde compartiron momentos cos máis pequerrechos da vila. Os Magos de Oriente achegáronse despois ao CODI, onde bailaron e cantaron cos seus usuarios nunha festa musical que estaban celebrando. Ademais, aproveitaron para saudar tamén aos participantes na actividade de pintura do Campus Sénior.
Os Reis viviron o seu momento máis multitudinario no Auditorio Municipal, onde se reuniu esta mañá o alumnado dos colexios Baño-Xanza, Xesús Ferro Couselo e das escolas do CRA. Alí pasárono en grande cunha chocolatada con churros e un concerto de Pakolas. Ao rematar a música recibiron a Melchor, Gaspar e Baltasar, que repartiron caramelos e recolleron as últimas cartas nas que os rapaces tiñan escritos os agasallos que desexan atopar baixo a árbore na mañá do 6 de xaneiro.
Por último, os Magos estiveron no Centro de Día, onde compartiron momentos cos usuarios e o persoal, aos que desexaron unhas felices festas.
Os Reis regresarán a Valga o día 5 de xaneiro con motivo da Cabalgata e serán recibidos nos exteriores do Belén Artesanal, onde pasarán de novo uns intres con todos os cativos que queiran achegarse a saudalos.