Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Foron colocados na empresa Extrugasa e no restaurante Gran Barril, co obxectivo fomentar a separación e reciclaxe

- As obras financiáronse cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

CompostaxeGranBarril

Valga, 26 de decembro de 2024.

O Concello segue a estender a rede municipal de compostaxe, un sistema polo que vén apostando dende o ano 2020 para fomentar a correcta separación e reciclaxe do lixo orgánico xerado tanto nos domicilios particulares coma nos grandes produtores de biorresiduos do municipio.

Os bos resultados acadados no colexio Baño-Xanza, que conta dende marzo de 2021 co seu propio centro de compostaxe no que se tratan os restos das 250 comidas diarias que se elaboran e serven no centro, levou ao Concello a implantar este mesmo método noutros dous grandes produtores de biorresiduos de Valga: a empresa Extrugasa, que conta con comedor propio para os seus traballadores, e o restaurante Gran Barril.

Hai que ter en conta que a lei 7/2022 de Residuos e solos contaminados para unha economía circular obriga a recoller e tratar de forma separada os biorresiduos.

Os traballos de instalación destes centros de compostaxe foron sufragados cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través dunha orde de axudas dirixidas a entidades locais para desenvolver actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciada polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea – Next Generation.

Con este finaciamento adquiríronse as unidades modulares que integran ambos centros de compostaxe, executáronse as obras de montaxe das bases e colocáronse paneis informativos sobre o proceso para converter os residuos orgánicos en abono natural.

Tamén está previsto dotar do seu propio centro de compostaxe ao Hotel Corona de Galicia, pero por razóns alleas ao Concello non se puido rematar a instalación.

Servizo de préstamo de biotrituradoras

Ademais, con esta mesma axuda tamén se adquiriu unha nova biotrituradora para ampliar o servizo de préstamo aos veciños adscritos ao programa municipal de compostaxe, que poden solicitar no Concello o empréstito gratuíto destas máquinas para moer restos leñosos procedentes de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras e ornamentais, viña ou restos de xardinería.

Deste xeito contribúese a eliminar estes residuos vexetais do circuíto de recollida do lixo, redúcese o número de queimas e minimízase o risco de incendio e contaminación ambiental, obtendo, ademais, un produto de valor engadido para o programa de compostaxe, xa que estes restos triturados poden ser empregados como material estruturante.

Para solicitar o préstamo destas biotrituradoras é preciso contar cun composteiro individual no domicilio e cubrir unha folla de solicitude que está dispoñible tanto nas oficinas municipais coma na páxina web do Concello (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes).

CompostaxeExtrugasa1         CompostaxeExtrugasa2