- Poden aportarse prendas tanto de adulto coma infantís, calzado e tamén roupa de cama
- A entrega debe realizarse no CODI os días laborables en horario de 9:00 a 13:00 horas, entre o 23 de decembro e o 10 de xaneiro
Valga, 20 de decembro de 2024.
O departamento de Servizos Sociais do Concello de Valga pon en marcha unha campaña solidaria de recollida de roupa usada para ser doada a persoas e familias en situación de vulnerabilidade económica e social, través da Fundación Amigos de Galicia.
A recollida prolongarase entre o vindeiro luns, 23 de decembro, e ata o 10 de xaneiro e as persoas que queiran colaborar deben entregar as prendas no CODI, en Baño, de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas (excepto xornadas festivas). Acéptanse doazóns de todo tipo de roupa, tanto de adulto coma infantil, e tamén calzado, que deben estar en bo estado. Ademais, tamén pode aportarse roupa de cama: mantas, colchas, sabas...
Todo o recollido será entregado á Fundación Amigos de Galicia, que se encargará da súa clasificación e posterior distribución e entrega á poboación necesitada. Deste xeito, ademais de axudar a persoas sen recursos económicos ou en risco de exclusión, tamén se promove o aproveitamento e o consumo sostible, dando saída a prendas e materiais que xa non son empregados polos seus actuais donos e garantíndolle un novo uso por parte de quen máis o necesita.