- O documento, que facilitará a consecución de máis fondos e subvencións, contempla o desenvolvemento dunha trintena de actuacións prioritarias
- Participaron na presentación os alcaldes de Catoira, Pontecesures, Valga e Vilanova de Arousa, así como a deputada provincial Belén Cachafeiro
Valga, 18 de decembro de 2024.
Os concellos que integran o xeodestino “Mar de Santiago”, entre os que se atopa Valga, contan xa cunha folla de ruta para o desenvolvemento urbano e o progreso socioeconómico nos próximos anos: a Axenda Urbana 2030, que se presentou esta mañá no Auditorio Municipal nun acto que contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro. Acompañárono os rexedores de Catoira, Vilanova e Pontecesures e tamén Belén Cachafeiro, deputada responsable da área de fondos europeos, innovación e axenda dixital da Deputación de Pontevedra.
A axenda urbana é un documento que ten como obxectivo deseñar e executar unha serie de actuacións e proxectos para impulsar a transformación do territorio de “Mar de Santiago” en termos de sustentabilidade, cohesión social, equilibrio territorial e mellora da calidade de vida dos habitantes dos catro municipios.
O documento establece unha serie de liñas de acción prioritarias, coherentes e complementarias entre si, garantindo que tanto estas como a axenda no seu conxunto estean aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e cos obxectivos da Axenda Urbana Española. “Estas liñas estratéxicas establecéronse despois de realizar diversas consultas aos diferentes actores sociais dos concellos que integran o xeodestino, aos que solicitou a aportación de ideas garantindo unha escoita activa. A partir dese momento, elaboramos un plan de acción baseado na tripla dimensión da sustentabilidade: a ambiental, a económica e a social”, detallou Rubén Pérez, responsable da consultoría Dos Espacios, que se encargou da elaboración da Axenda.
Esta consta de 28 actuacións que xiran arredor de catro grandes liñas estratéxicas identificadas como prioritarias para o desenvolvemento sostible dos catro municipios. Por unha parte, a resiliencia verde, que se enfoca en incorporar prácticas e políticas de sustentabilidade ambiental na planificación e xestión territorial, promovendo o uso eficiente dos recursos, a mitigación ou adaptación ao cambio climático ou a posta en valor dos recursos naturais e culturais.
Facer dos asentamentos urbanos e rurais un entorno máis habitable a través da mellora dos espazos públicos, os equipamentos municipais, as infraestruturas e as edificacións, así como a mobilidade ou a xestión do ciclo hídrico é a segunda liña. Nela búscase prestar uns servizos públicos de calidade e similares entre o medio urbano e o rural, promovendo a equidade territorial.
A terceira liña, baixo o nome de “Equidade e oportunidades”, ten como premisa facer de “Mar de Santiago” un territorio que ofreza oportunidades para todos e loite contra a discriminación e a exclusión social.
Por último, o impulso de actuacións e medidas que doten á asociación “Mar de Santiago” das ferramentas necesarias para realizar un traballo coordinado e coherente entre os catro municipios, avanzando e afondando na transformación dixital do destino, tanto no seu funcionamento interno como de cara á cidadanía.
Durante o acto de presentación, os alcaldes sinalaron que esta Axenda Urbana 2030 une aos catro concellos “nun obxectivo común: mellorar a vida dos veciños e cambiar a fisionomía das nosas vilas, tendo claro que queremos facer e como queremos mellorar”. Referíronse a este documento como “necesario e imprescindible” para optar á consecución de máis recursos, algo que resultaría “imposible para calquera dos catro concellos por si sós”.
A deputada Belén Cachafeiro, pola súa banda, felicitou aos rexedores por “unir forzas para poder acceder a fondos que redunden en beneficio dos cidadáns” e concluíu que se abre “un escenario de retos e oportunidades” para as catro localidades.