- Os alumnos das seis escolas percorreron as aldeas do concello cantando panxoliñas a cambio de alimentos
- A resposta da veciñanza, nesta cuarta edición, foi “impresionante”, destaca a directora do CRA
Valga, 17 de decembro de 2024.
Case unha tonelada de alimentos e outros produtos de primeira necesidade están xa a disposición dos Servizos Sociais municipais para distribuír entre as familias máis necesitadas do Concello. Foron entregados esta mañá polo CRA de Valga, que os xuntou a través da iniciativa “Nadal Solidario”, que cumpre a súa cuarta edición sen perder nin un chisco de forza.
Todo o contrario, este ano a resposta da veciñanza “foi impresionante”, destaca a directora, Antía Piñeiro, confirmando que se recadaron bastantes máis alimentos que en 2023. A comunidade educativa, veciños das aldeas nas que se atopan as escolas e do resto do municipio, entidades e empresas de Valga volcáronse coa doazón de produtos “e moitos xa nos estaban esperando” coas bolsas cheas “cando chegabamos a cantar”. En Vilar incluso os recibiron cunha gran merenda.
Para contribuír ao éxito, os alumnos dos colexios rurais de Campaña, Forno, Vilarello, Xanza, Ferreirós e Chenlo puxeron toda a súa ilusión e empeño para felicitar as festas cantando cancións típicas do Nadal e animando á xente a contribuír á campaña con alimentos non perecedoiros. Pasta, legumes, sopas, aceite, leite, galletas e outros doces, conservas, cereais, azucre, sal, turróns ou papel hixiénico foron algúns dos produtos doados polos valgueses e que agora serán clasificados para a súa entrega ás familias en situación ou en risco de exclusión. Para eles esta axuda supón un verdadeiro agasallo de Nadal.
En representación do Concello, Carmen Gómez, concelleira de Educación, trasladou á directora do CRA o agradecemento pola realización desta campaña solidaria.