- Escolares de Primaria realizaron tarefas como poñer a mesa, tender a roupa ou coidar aos nenos e recapacitaron sobre os roles de xénero que se manteñen nos seus fogares
- A actividade forma parte da programación educativa organizada polo Concello para conmemorar o 25-N
Valga, 4 de decembro de 2024.
As actividades escolares de concienciación contra a violencia de xénero e a prol da igualdade fan esta semana parada no colexio Baño-Xanza, onde o alumnado de Educación Primaria participa dende hoxe nunha xincana con probas sobre corresponsabilidade no fogar.
Esta iniciativa, incluída na programación conmemorativa do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, pretende que os rapaces recapaciten sobre como están repartidas determinadas tarefas nos seus propios fogares e se consideran que o xénero dos membros das súas familias inflúe nos traballos que realiza cada un.
Deste xeito, foméntase entre as novas xeracións unha reflexión sobre algúns dos roles sexistas máis arraigados no ámbito doméstico e incídese na necesidade de avanzar cara un reparto igualitario das tarefas.
Divididos en grupos mixtos, os alumnos participaron nunha serie de probas nas que tiveron que replicar algunhas das tarefas domésticas máis habituais: facer a cama, coidar aos fillos, tender a roupa e dobrala ou poñer a mesa, entre outras.
Esta actividade xa se realizara fai uns días no colexio Xesús Ferro Couselo e é tan só unha das accións formativas e lúdicas dirixidas á poboación escolar que se están a desenvolver nos diferentes centros educativos valgueses, para implicar á mocidade na loita contra a violencia machista e contra todo tipo de manifestacións ou accións que contribúen á desigualdade de xénero. Tamén se programaron contacontos para os cativos de Educación Infantil e dos primeiros cursos de Primaria e charlas para o estudantado de Educación Secundaria.