- O alcalde e a deputada provincial Isabel Couselo participaron na entrega de diplomas
- A actividade desenvolveuse a través do programa +Xuntas da Deputación de Pontevedra
Valga, 4 de decembro de 2024.
A asociación de mulleres rurais “Albor” clausurou onte o curso de arte floral impartido dentro do programa +Xuntas da Deputación Provincial e que contou con catorce participantes que aprenderon a confeccionar os seus propios arranxos e composicións florais. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a deputada provincial Isabel Couselo participaron no acto de entrega de diplomas.
Os contidos do curso, de 30 horas de duración, incluíron unha introdución xeral sobre tipos de flores, clasificación e manexo de flores e plantas, técnicas de corte e atado, elaboración de composicións florais e técnicas e medios de conservación das flores. Ademais, a acción formativa incluíu un módulo de igualdade no que se trataron asuntos coma os roles e estereotipos de xénero, a conciliación e corresponsabilidade ou a violencia de xénero.
O alcalde transmitiu a gratitude pola colaboración da Deputación con Valga, nesta e noutras actividades, mentres que a deputada Isabel Couselo salientou que “a participación é o que dá sentido a estes cursos” e animou á Albor e outras asociacións valguesas a participar na vindeira convocatoria. Ademais, recolleu ideas sobre as temáticas que máis interesan ás participantes.
O programa +Xuntas, que está dirixido a asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro, ten por finalidade mellorar a formación das mulleres en diferentes ámbitos e as súas condicións de vida, promover a súa autonomía individual e a participación activa e fomentar as relacións interpersoais. Neste sentido, a presidenta de Albor, Rosa Crespo, explicou que este colectivo conta con 32 anos de vida e as súas integrantes “xa somos amigas e estamos desexando participar nas clases porque o pasamos moi ben. Este é o noso lugar de encontro”.
Ademais do curso de arte floral, a asociación de mulleres rurais tamén realiza obradoiros de taichí, labores, traballos con tella, cristal “técnica Tiffany” e pintura, entre outras actividades lúdicas, formativas e culturais.