Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e a concelleira Carmen Gómez tamén asistiron ás actividades celebradas esta mañá

- Mañá e o xoves completarán a programación conmemorativa con saídas a Lalín e a Portugal

DíaDiscapacidade24 1

Valga, 3 de decembro de 2024.

O CODI está de festa, celebrando o Día Internacional das persoas con discapacidade, que reuniu nas instalacións do centro de Baño aos usuarios e ás súas familias para participar nunha serie de actividades lúdicas e culturais. Nalgunhas delas participaron tamén o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que quixeron compartir cos usuarios esta xornada festiva.

A programación conmemorativa desta data xa comezou onte, cando estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra se desprazaron ata Valga para impartir un obradoiro no que os usuarios realizaron as súas propias obras pictórica. Os cadros que compuxeron amosáronllos esta mañá ao alcalde, que os felicitou polo traballo que realizan neste e nos demais obradoiros que se desenvolven no CODI.

Pero o día central das celebracións foi hoxe, cando estaban convidadas as familias e achegados dos usuarios nunha xornada de convivencia que deu comezo cun obradoiro de risoterapia. Durante a mañá tamén se proxectou un vídeo resumo das principais actividades realizadas no CODI ao longo deste ano e, como colofón, houbo unha merenda con chocolate e doces. O fin de festa foi unha sesión musical na que todos os participantes se animaron a bailar e a cantar.

Mañá e o xoves continúan as actividades da Semana da Discapacidade. O mércores usuarios e persoal do CODI visitarán Lalín para visitar o Museo do xoguete e da marioneta. Nesta localidade Asdivalu (Asociación de persoas con discapacidade dos vales Ulla e Umia) conta cun posto permanente de venta, polo que tamén aproveitaron para repoñer material.

O xoves haberá outra excursión, neste caso a Portugal. Pola mañá visitarán a Fortaleza de Valença co Minho, onde se está a celebrar un mercado do chocolate, e pola tarde asistirán á inauguración das actividades de Nadal en Vilanova da Cerveira. No retorno pararán en Vigo para contemplar o alumeado de Nadal.

DíaDiscapacidade24 3 DíaDiscapacidade24 2

Volver