- A mostra, que inclúe paneis explicativos, fotografías, publicacións e obxectos históricos, inaugurarase o día 10 no Auditorio
- “Apoiamos completamente ao Concello para que, máis pronto que tarde, Valga conte cunha estación”, destaca o presidente do colectivo organizador
Valga, 3 de decembro de 2024.
O 150 aniversario da chegada do ferrocarril a Galicia tamén se celebrará en Valga a través da exposición itinerante que conmemora a entrada en servizo da primeira liña de tren galega, entre Cornes e Carril. Foi en setembro do ano 1873 e nos últimos meses a Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril (ACAF) está a percorrer os diferentes concellos polos que discorre esta liña cunha mostra que inclúe paneis informativos, fotografías, publicacións e obxectos históricos relacionados con ámbito ferroviario.
A exposición inaugurarase no Auditorio Municipal o vindeiro martes, 10 de decembro, tal e como acordaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e o presidente da ACAF, Carlos Abellán, nunha xuntanza celebrada nos últimos días na Casa do Concello para coordinar a actividade. Neste encontro tamén participaron a concelleira Carmen Gómez e José Manuel Andrade, directivo da asociación.
A mostra “recolle a historia da primeira liña do ferrocarril galego, os seus avatares, os principais impulsores, os diferentes tipos de locomotoras e trens que circularon por ela, as estacións e infraestruturas...”, comenta Abellán.
Son, en total, vinte e tres paneis explicativos cos que “queremos salientar a importancia que o ferrocarril tivo en Galicia. Se hai unha palabra que defina a este medio de transporte é a innovación, pasando do vapor ao AVE en 150 anos” e defende “o seu uso en detrimento do vehículo particular”. Por iso, “apoiamos ao Concello para que, máis pronto que tarde, Valga conte cunha estación como lle corresponde despois de 150 anos”, refrenda Carlos Abellán, que ademais de estar á fronte da Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril tamén é presidente da sección española da Asociación Europea de Ferroviarios.