- O nacemento incorpora os acontecementos de maior relevancia social, política e deportiva do último ano
- Numeroso público acudiu durante a xornada da estrea: excursións de Vigo ou Verín e familias de Estados Unidos e Sudáfrica
Valga, 1 de decembro de 2024.
O Belén Artesanal entrou hoxe en movemento e con el chegou a Valga o espírito do Nadal. A curiosidade que ano tras ano esperta este nacemento para descubrir cales son as novas incorporacións fixo da inauguración un acto multitudinario, con moito público agardando para ser os primeiros en ver a montaxe da edición número 30. E iso a pesar da chuvia e das tormentas que caeron durante a tarde. Autobuses de Verín, Vigo ou Lalín achegáronse ata Campaña a ver o Belén que, está demostrado, cada vez traspasa máis fronteiras. Familias de Estados Unidos e Sudáfrica estiveron tamén hoxe no nacemento.
A inauguración, presentada por Héctor Bermúdez, contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, e do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, aos que acompañaron Mari Carmen Castiñeiras, presidenta de Amigos do Belén; o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; representantes da Corporación Municipal e o párroco Arturo Lores, que se encargou da parte relixiosa do acto. O Belén de Valga representa valores coma a cooperación, a amizade e o traballo en equipo, a posta en valor das tradicións e a reutilización e a reciclaxe, destacouse durante o acto. Ademais, esperta na xente a esencia do Nadal: a ilusión.
O alcalde agradeceu aos membros de Amigos do Belén o traballo que realizan. “Dedícanlle moitas horas do seu tempo para que nós poidamos gozar agora do resultado”, dixo, e lembrou que o ano pasado máis de 45.000 persoas acudiron a ver o nacemento. “Para nós é unha alegría inmensa que o traballo desta xente se vexa recompensado con tantas visitas”. A presidenta da asociación, pola súa parte, amosou a súa gratitude con todas as entidades e administracións que colaboran co Belén porque “gañas de traballar non nos faltan, pero sen recursos non poderiamos facelo”. Por último, o director de Turismo de Galicia desexou “outros trinta anos máis de vida” ao Belén Artesanal.
Declarado de Interese Turístico de Galicia, o Belén Artesanal conta con arredor de 4.000 pezas dispostas nuns 400 metros cadrados. O seu carácter artesanal é o seu principal sinal de identidade, con pezas feitas a man e, moitas delas, con movemento. Está ambientado nunha vila galega (Valga) e o percorrido permite contemplar paisaxes e costumes propias do rural galego, que conviven con escenas da tradición belenista e do Nadal. Ademais, recrea acontecementos de actualidade, converténdose nun anuario que repasa os sucesos máis relevantes do ano a nivel local, nacional e internacional en ámbitos coma a política, o deporte ou o entretemento.
Coa apertura da cortina trala que se agochaba o renovado Belén quedaron desvelados os seus segredos. O que captou case todas as miradas: a homenaxe ás vítimas e damnificados polas inundacións na Comunidade Valenciana, coa reprodución dunha escena da destrución que causou a riada. É o recordo de Valga e da asociación Amigos do Belén para todos eles e unha mensaxe de folgos para que loiten por retomar, máis pronto que tarde, as súas vidas. Hai que lembrar, ademais, que o vindeiro 7 de decembro celebrarase nos exteriores do Belén unha tómbola solidaria cuxa recadación se destinará integramente aos afectados pola DANA.
Entre as figuras e escenas incorporadas a esta edición hai moitas relacionadas co deporte, que foi un dos grandes protagonistas do verán. Por exemplo, a Eurocopa conquistada pola Selección Española, con Lamine Yamal e Nico Williams convertidos en estrelas. Tamén deixaron moitos momentos para o recordo os Xogos Olímpicos de París, cos medallistas españois (Alcaraz, Craviotto ou a paralímpica galega Susana Rodríguez) ou o campión de natación italiano durmindo nun parque. E, como non, a Volta a España e o seu paso polo concello veciño de Padrón e o Balón de Ouro conquistado por Rodri. Tampouco podía faltar unha mención á retirada de Rafa Nadal.
No ámbito político, o regreso de Puigdemont a España e a súa posterior fuxida é unha das representacións máis salientables, así coma os distintos avatares que están a afecta ao goberno de Pedro Sánchez, que aparece bailando a danza tradicional catalana: a sardana.
A realeza segue a ser a ser fonte de inspiración para o Belén, cun novo capítulo das conquistas do Emérito; e tamén as ‘celebrities”, que acudiron en cantidade á opulenta voda do multimillonario herdeiro Anant Ambani, na India. Outra das escenas máis comentadas é a da nova moda de ligar no Mercadona mercando piña. E, en clave mediática, o foco está posto na “guerra” televisiva entre Broncano e Pablo Motos.
É xa un clásico a homenaxes póstuma aos persoeiros falecidos no último ano, como Mayra Gómez Kemp, o xornalista Jimmy Giménez-Arnau ou Arévalo, entre outros. No que respecta á actualidade de Valga, teñen un oco no Belén Artesanal as veciñas centenarias do noso concello, que aparecen acompañadas polo alcalde, o exrexedor de Valka (Letonia) actuando na Festa da Anguía, e Esther Ordóñez, que acaba de ingresar na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.
O Belén Artesanal estará aberto ata o día 12 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.