- Os veciños e entidades que queiran participar poden anotarse na Casa do Concello
- Os tres nacementos mellor valorados polo xurado recibirán premios de 150, 100 e 75 euros
Valga, 29 de novembro de 2024.
Este domingo inaugúrase o Belén Artesanal en Movemento e, en moitos fogares, negocios e entidades de Valga están tamén a preparar os seus propios nacementos. Para contribuír a esta tradición, o Concello convoca un ano máis o Concurso de Beléns, que cumpre a súa vixésimo terceira edición.
Neste certame poden participar particulares, entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos ou establecementos comerciais. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 27 de decembro e o trámite debe realizarse na Casa do Concello.
O xurado fará un percorrido por todos os beléns presentados e o día 5 de xaneiro, coincidindo coa recepción aos Reis Magos, entregaranse os premios. Os tres primeiros clasificados recibirán 150, 100 e 75 euros para gastar no comercio local e haberá tamén agasallos e diplomas para todos os participantes.
Este concurso pretende contribuír a preservar un dos costumes máis sobranceiros do Nadal e a afianzar a tradición de montar o belén en familia. Partindo da representación do nacemento de Xesús, os participantes teñen liberdade para recrear a paisaxe e o entorno, incluír os personaxes, efectos ou materiais máis diversos, así coma os compoñentes ornamentais que prefiran.
O xurado valorará aspectos coma o enxeño e a orixinalidade, os materiais empregados, o tamaño e número de pezas ou a laboriosidade da montaxe, entre outros.