- O seu discurso de ingreso, “A apicultura en Galicia, unha tradición gandeira en harmonía coa biodiversidade”, centrouse na historia e situación actual desta actividade
- O alcalde asistiu á sesión solemne, que estivo presidida polo presidente da Academia
Valga, 28 de novembro de 2024.
A Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia celebrou esta tarde no Auditorio Municipal a sesión pública solemne de toma de posesión da cadeira nº 22 de académica correspondente nacional por parte da valguesa María Esther Ordóñez Dios. O acto estivo presidido polo presidente da Academia, Antonio Crespo, e entre as autoridades asistentes atopábanse o alcalde, José María Bello Maneiro; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industria Agroalimentarias, José Balseiros; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Luis Núñez; e a directora territorial da Consellería de Sanidade, Natalia Botana.
Mª Esther Ordóñez Dios, veciña de Laxes e que no pasado verán foi a pregoeira da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, é licenciada en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre os cargos e responsabilidades que ostenta destacan: presidenta do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia; veterinaria e administradora da Agrupación Apícola de Galicia; membro do panel de catadores da IXP Mel de Galicia e do Panel Nacional de Catadores de Mel; membro da asociación AVESPA, de Veterinarios especialistas en sanidade e produción apícola de España; ademais participa en proxectos de investigación, interrexionais e europeos, colaborando con outros equipos de investigadores tanto galegos como nacionais e internacionais.
Dende pequena sentiu predilección polos animais e a natureza, por iso decidiu estudar veterinaria, especializándose despois no campo da apicultura e xuntando, así, as tres cousas que máis lle gustan: os animais, a natureza e a hixiene e tecnoloxía dos alimentos.
A nova académica deu lectura ao discurso de ingreso titulado “Apicultura en Galicia, unha tradición gandeira en harmonía coa biodiversidade”, no que abordou a historia e a situación actual desta actividade na nosa comunidade.
A súa alocución centrouse primeiro na importancia da apicultura na historia de Galicia. “O mel empregábase pola súas propiedades saudables, ademais de edulcorante” e, entre as referencias máis antigas a este alimento, sinalou o manuscrito Scriptores Antiqui Hispaniae, anterior ao século IX da Hispania en tempos dos godos, no que se fala do mel de Galicia como un alimento de primeira calidade da época. Tamén aparecen referencias no Códice Calixtino.
Esther Ordóñez tamén se referiu ao patrimonio etnográfico apícola, con elementos coma o cortín, a abellariza, as lacenas ou as antigas colmeas. Por último, pediu a todos os presentes que apoien aos apicultores galegos consumindo Mel de Galicia e aludiu a algunhas das problemáticas actuais das colmeas, como “a varroa, que segue a ser o talón de Aquiles da apicultura, e á que hoxe se suman a vespa velutina, o cambio climático e a introdución de especies foráneas de abellas que non están adaptadas ao noso territorio”. Por iso, incidiu, os veterinarios xogan cada vez un papel máis determinante.
O discurso de contestación a Esther Ordóñez foi pronunciado polo académico de número Alberto Manuel Portela Vázquez.
O alcalde tamén interveu no acto e falou dun “dobre pracer: por unha parte, acoller este acto no Auditorio Municipal e, por outra, que unha veciña nosa se incorpore á Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, algo que é froito do importante traballo que vén facendo no ámbito da veterinaria apícola”.