- A lexislación avala a indemnización aos membros de Corporacións ou funcionarios públicos por gastos de defensa derivados das súas funcións
- “Na época da pandemia, cando tiñamos que estar centrados en reforzar servizos, tivemos que perder tempo en defendernos de acusacións infundadas”, lamenta o alcalde
Valga, 28 de outubro de 2024.
O Pleno ordinario celebrado na tarde do martes aprobou (cos votos favorables do grupo de goberno e en contra de PSOE e BNG) aboar ao alcalde, secretario e interventor os gastos xudiciais aos que tiveron que facer fronte debido a unha denuncia presentada no seu día polo exconcelleiro das Mareas, Manuel Castiñeiras. A denuncia acabou desestimada e o proceso penal, que o denunciante alongou con numerosos recursos, sobresido por diferentes instancias.
Diferentes leis e sentenzas xudiciais avalan a indemnización aos membros de Corporacións e funcionarios das administracións públicas, entre elas a municipal, por gastos ocasionados polas súas defensas xurídicas en procesos derivados de actuacións realizadas no exercicio das súas funcións. Por citar algunha, a Lei 4/2016 de Ordenación da asistencia xurídica da Administración Xeración da Comunidade Autónoma de Galicia, que no seu artigo 26.1 considera como supostos habilitantes do pago dos gastos de representación e defensa en xuízo que a persoa resulte absolta ou o asunto sexa desestimado, arquivado ou sobresido con carácter de firmeza. Deste xeito trátase de garantir, entre outros, o principio de igualdade no acceso a cargos públicos (artigo 23 da Constitución Española)..
O proceso penal derivado da denuncia presentada por Manuel Castiñeiras prolongouse durante cinco anos, entre 2019 e 2024, unha época na que “sobreviñeron circunstancias coma a pandemia. Cando máis tiñamos que dedicarnos a protexer a vida dos nosos veciños, a reforzar servizos básicos e a tratar de mellorar a súa calidade de vida, tivemos que perder parte do noso tempo en defendernos de acusacións que eran infundadas, como así quedou demostrado nas sucesivas resolucións dos tribunais de xustiza”, destaca o alcalde.
A evolución temporal das actuacións xudiciais foi a seguinte:
15/12/2019: Presentación da denuncia por parte de Manuel Castiñeiras García contra o alcalde, o secretario e o interventor do Concello.
13/04/2020: Auto do Xulgado de Instrución nº2 de Caldas de Reis polo que se acorda o sobresemento provisional.
12/06/2020: Recurso de apelación interposto pola representación de Manuel Castiñeiras contra o auto de sobresemento provisional do 13/04/2020.
23/06/2020: Escrito de impugnación, por parte do Concello de Valga, do recurso de apelación.
31/07/2020: Auto da Audiencia Provincial de Pontevedra que, sen entrar no fondo da cuestión debatida, declarou a nulidade do auto de 13/04/2020, debendo ditar o xulgado de Caldas unha nova resolución que cumpra co canon constitución de motivación.
30/11/2020: Providencia do xulgado de Caldas que acorda a reapertura das actuacións.
05/07/2021: Declaración xudicial de Manuel Castiñeiras García.
05/11/2021: Providencia que acorda recibir declaración en calidade de investigados ao secretario e ao interventor do Concello.
12/11/2021: Recurso de reforma presentado por Manuel Castiñeiras contra a providencia de 05/11/2021, interesando a citación do alcalde e de Luis Nieto.
22/11/2021: Auto que acorda prorrogar o prazo de instrución por un período de seis meses.
25/11/2021: Personación de letrado e procurador en nome do secretario municipal.
25/11/2021: Escrito de oposición ao recurso de reforma formulado pola representación do Concello de Valga.
01/12/2021: Personación de letrado e procurador en representación do interventor municipal.
13/12/2021: Declraación xudicial do secretario e do interventor.
05/01/2022: Escrito da representación do interventor municipal solicitando o sobresemento libre e o arquivo das actuacións.
17/01/2022: Providencia que acorda a práctica das seguintes dilixencias:
- Declaración como investigado do alcalde
- Declaración como investigado de Luis Nieto
- Declaración como investigada de María Luisa Álvarez
- Testifical da Subdirección Xeral de Administración Local
- Testifical de Marta Piñeiro
- Documental requerida ao Concello de Valga
17/01/2022: Auto que resolve o recurso de reforma contra a providencia de 05/11/2021, desestimando o mesmo.
31/01/2022: Dilixencia de ordenación que ten por personados ao procurador e letrado do secretario.
10/03/2022: Personación de procurador e letrado en nome do alcalde.
30/03/2022: Dilixencia pola que se ten por personados aos representantes do alcalde.
--------------- Recurso de reforma interposto por Manuel Castiñeiras contra a providencia de 19/07/2022 pola que, entre outros, se acorda sinalar data para varias testificais.
--------------- Escrito do Concello de Valga opoñéndose ao recurso.
11/10/2022: Auto que desestima o recurso de reforma interposto por Manuel Castiñeiras.
24/10/2022: Recurso de apelación interposto por Manuel Castiñeiras contra o auto de 11/10/2022.
---------------- Auto desestimando o recurso de apelación interposto por Manuel Castiñeiras.
03/01/2023: Auto que decreta o sobresemento provisional da causa, procedéndose ao arquivo das actuacións.
20/01/2023: Recurso de reforma formulado por Manuel Castiñeiras contra o auto de 03/01/2023 que decreta o sobresemento provisional da causa.
04/04/2023: Escrito de oposición ao recurso de reforma por parte da representación do alcalde e do secretario.
27/04/2023: Auto da Audiencia Provincial desestimando o recurso de apelación de Manuel Castiñeiras contra a providencia de 19/07/2022, a cal se confirma, ao igual que se confirma o auto de 11/10/2022 que resolveu o recurso de reforma interposto, declarando de oficio as costas do recurso.
16/05/2023: Auto polo que se desestima o recurso de reforma interposto por Manuel Castiñeiras contra o auto de 03/01/2023, que decretaba o sobresemento provisional da causa e o seu arquivo, manténdose o mesmo na integridade dos seus pronunciamentos.
29/05/2023: Recurso de apelación interposto por Manuel Castiñeiras contra o auto de 16/05/2023, que decretou o sobresemento provisional da causa e o seu arquivo.
06/06/2023: Escrito de impugnación do recurso pola representación do interventor municipal.
28/07/2023: Auto da Audiencia Provincial que desestima o recurso de apelación de Manuel Castiñeiras contra o auto de 16/05/2023 ditado polo xulgado de Caldas.
15/09/2023: Recurso de casación de Manuel Castiñeiras contra o auto de 28/07/2023, que desestima o anterior recurso de apelación presentado polo exconcelleiro das Mareas.
04/10/2023: Auto denegando ter por preparado o recurso de casación, polo que o sobresemento da causa se converte en definitivo.
Marzo 2024: Notificación do auto.