Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O actual pavimento de formigón pintado substituirase por outro de linóleo

- A actuación conta cun orzamento de case 49.000 euros

PavillónBañoExt

Valga, 28 de outubro de 2024.

O Concello vén de poñer en marcha o proceso de contratación das obras de acondicionamento da pista polideportiva do pavillón de Baño, unha infraestrutura municipal de 1.500 metros cadrados, repartidos entre a propia pista, os vestiarios e as gradas.

Fútbol sala, baloncesto, tenis, patinaxe, judo... Son numerosas as actividades que se realizan neste recinto, que ademais tamén complementa as instalacións do colexio Baño-Xanza, situado nas inmediacións, dando acubillo a diversas actividades de carácter educativo.

Debido principalmente ao uso e ao paso do tempo, o estado no que se atopa a pista é de deterioro, polo que se proxecta a súa renovación, substituíndo o actual chan de formigón pintado por un pavimento de linóleo que garanta a boa realización das actividades, así como a seguridade dos usuarios, avanzando no obxectivo do goberno municipal de ofrecer instalacións de calidade e de fomentar a práctica deportiva.

As obras que se executarán contan cun orzamento de 48.703’25 euros, financiados a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación Provincial. Entre os traballos a desenvolver inclúense a preparación da superficie da pista a base de lixado e pasteado; a colocación do novo pavimento de linóleo acústico, de 4 centímetros de espesor, con tratamento antiestático; e o trazado das liñas de xogo co pintura de poliuretano. Marcaranse campos para a realización de diferentes deportes coma o fútbol sala, balonmán, voleibol, tenis ou baloncesto.

As empresas interesadas na execución do proxecto teñen de prazo ata o 18 de decembro para presentar as súas ofertas.

Volver