- Coñeceron os algúns dos riscos, pero tamén as vantaxes desta nova tecnoloxía e como empregala en actividades cotiás
- Tamén aprenderon a utilizar ferramentas como ChatGPT ou Alexa, entre outras
Valga, 27 de outubro de 2024.
A Aula CeMIT do Auditorio encheuse este luns con 25 persoas que asistiron ao curso “A Intelixencia Artificial no día a día”, impartido por Sara García, formadora da Axencia para a Modernización Tecnlóxica de Galicia (Amtega). A actividade tiña como principal obxectivo achegar a tecnoloxía da IA aos participantes e darlles unhas directrices para que realicen un uso ético da mesma, coñecendo tanto os seus riscos coma as súas vantaxes.
Foi un dos obradoiros con maior participación dos que se teñen celebrado nos últimos meses na Aula CeMIT, o que demostra o interese que suscita esta nova tecnoloxía entre a poboación.
A formación tivo unha duración de hora e media na que se explicaron os conceptos e características básicas da IA, o seu impacto no día a día e a súa contribución á sociedade, presentando tamén casos prácticos de emprego da intelixencia artificial na vida cotiá, así como as posibles barreiras ou dificultades no seu uso. Deste xeito, os asistentes puideron adquirir as competencias necesarias para o uso de ferramentas que empregan a IA coma o móbil, asistentes persoais ou tradutores instantáneos, entre outros. De feito aprenderon a utilizar varias destas ferramentas como ChatGPT, Alexa e outras para crear cancións ou imaxes.
“Os participantes adoitan chegar a este curso con medo e moitas dúbidas, polo que tratamos de explicarlles que implica esta nova tecnoloxía e como empregala con sentido común”, explica a docente Sara García. No transcurso da actividade falouse sobre a Lei Europea que regula a IA, abordouse a problemática da cesión de datos e como protexelos, pero tamén se explicaron os proveitos que poden extraerse da Intelixencia Artificial e como esta pode axudar a colectivos como persoas con discapacidade.