Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os nenos poderán participar, a partir das seis, nun obradoiro no que elaborarán os seus recipientes para as castañas

- Ás 21:00 horas haberá unha degustación de castañas asadas e chourizos con pan de balde

CastañasAsadas

Valga, 26 de novembro de 2024.

Este venres á noitiña celebraremos no Auditorio Municipal a festa do Magosto. Será unha tarde de moita actividade, xa que tamén están programados un obradoiro infantil e o espectáculo dos Bolechas.

A partir das 18:00 horas, os nenos poderán participar nun obradoiro no que elaborarán os seus propios recipientes para as castañas, que decorarán con lemas, debuxos ou mensaxes contra a violencia de xénero, como parte da campaña de sensibilización promovida polo Concello con motivo do 25-N, Día Internacional para eliminación da violencia contra a muller.

Unha vez rematada esta actividade, ás 20:00 horas está programado o espectáculo “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra”, dirixido a toda a familia e que combina o teatro de monicreques coa música para que, nun contexto distendido e alegre, os nenos e as nenas poidan gozar de novas experiencias en galego.

Nesta función, os populares personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro –Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, xunto co seu can Chispa– deciden construír un escenario musical despois de atopar unha caixa chea de instrumentos para ofrecer un gran concerto. A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, aprenden os diferentes estilos musicais e compoñen as súas propias melodías.

E para pechar a tarde, a partir das 21:00 horas, dará comezo o magosto con degustación de castañas asadas, chourizos con pan e outras sorpresas.

Todas estas actividades son de balde.

Magosto24

Bolechas

Volver