- A elección tivo lugar onte nunha xuntanza na Casa da Cultura de Valga á que asistiu o alcalde
- O proxecto afecta a 150 hectáreas de terreo, con máis de 2.100 parcelas que pertencen a uns 322 propietarios
Valga, 26 de novembro de 2024.
Propietarios de parcelas, titulares de dereitos de propiedade e titulares de explotacións da zona da Reestruturación Parcelaria da parroquia de San Miguel de Valga (que afecta aos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi) participaron onte nunha xuntanza na Casa da Cultura de Valga, para proceder á elección dos seus representantes en dous dos órganos que guiarán o avance deste proxecto: a Xunta Local e o Grupo Auxiliar de Traballo.
As candidaturas presentadas foron sometidas a votación a man alzada. Para a Xunta Local, que é un órgano colexiado formado por representantes da administración e dos propietarios, tan só se presentou unha candidatura integrada por: Moisés Ferreirós Bragaña, Ricardo Castromán Barreir, Mª José Calvo Duro e Alejandro Cerneira Torres. Ademais, foron designados suplentes Carmen Rey Pardal, José Magariños Bandín, Carmen Magán Piñeiro e Óscar Villaverde Monteagudo.
O Grupo Auxiliar de Traballo, para o que só podían ser aspirantes persoas residentes na parroquia, terá como función principal a de colaborar co equipo técnico, especialmente na clasificación das terras afectadas polo proceso de reestruturación parcelaria. Para este grupo debían elixirse un mínimo de catro persoas e un máximo de nove. Entre as dúas candidaturas presentadas os elixidos foron: Carmen Rey Pardal, Carmen Magán Piñeiro, Ricardo Castromán Barreiro, Alejandro Cerneira Torres, Mª José Calvo Duro, Moisés Ferreirós Bragaña, Carlos Temperán Temperán, Óscar Villaverde Monteagudo e José Magariños Bandín.
A constitución destes dous órganos permitirá avanzar no proceso de restruturación parcelaria, que afecta a unha superficie de 150 hectáreas, con máis de 2.100 parcelas dunha superficie media de 700 metros cadrados e que pertencen a uns 322 propietarios. O investimento total no proxecto, que está declarado de interese público, será de 550.000 euros.
No últimos meses os traballos estiveron centrados na toma de datos sobre o terreo (localización de marcos, fixación dos lindes e localización de elementos existentes, coma pozos, mananciais, camiños, muíños, fosas sépticas, servidumes...) para a realización dos planos nos que se baseara todo o proceso de reestruturación e, especialmente, a distribución das novas parcelas.