Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O deputado Javier Tourís estivo onte en Valga para facer entrega da subvención

- Instalaranse catro depósitos de aceiro inoxidable para mellorar o abastecemento a unha vintena de vivendas da zona

DepósitosMartores1

Valga, 26 de novembro de 2024.

O deputado provincial de Acción comunitaria, Javier Tourís, estivo onte en Valga para facer entrega, xunto co alcalde, José María Bello Maneiro, dunha axuda de 8.954 euros á comunidade de usuarios de augas dos Martores para a execución de obras de mellora nos depósitos. Carlos Temperán, presidente do colectivo, foi o encargado de recoller a subvención no acto celebrado na Casa da Cultura de Valga.

A aportación económica da Deputación de Pontevedra enmárcase no programa +Aqua, un programa de axudas a comunidade de augas para desenvolver proxectos de mellora da calidade da auga e o estado das instalacións de captación, potabilización, abastecemento e almacenamento.

As obras que se están a executar nos Martores consisten na colocación de catro depósitos de aceiro inoxidable de 3.000 litros de capacidade cada un e a retirada dos vellos, que eran de poliéster e “estaban deteriorados”, explica o presidente. Estes depósitos abastecen unha vintena de traídas, principalmente de vivendas da zona, pero tamén doutras infraestruturas como a Capela.

O deputado provincial aproveitou para anunciar que estas axudas volverán a convocarse no ano 2025, e a elas poden optar as comunidades de usuarios de augas coa finalidade de abastecemento para consumo humano, que teñan domicilio social na provincia de Pontevedra, estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no rexistro público correspondente como titulares do aproveitamento das augas para o que solicitan a subvención.

As actuacións subvencionables inclúen melloras das infraestruturas e instalacións das traídas; acondicionamento e recuperación dos espazos onde se localicen os citados equipamentos; dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética das infraestruturas que impliquen unha mellora na xestión da auga; melloras nos sistemas de tratamento da auga; legalización de novas concesións ou renovación das existentes; mellora da calidade da auga subministrada; obras nas captacións; e melloras nas infraestruturas de almacenamento da auga.

DepósitosMartores2

Volver