- O alcalde e a concelleira de Emprego asistiron en Moraña ao acto de clausura do proxecto
- A comezos de decembro iniciarase un novo obradoiro no que tamén participarán vinte persoas desempregadas
Valga, 22 de novembro de 2024.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VII chegou á súa fin. Este mediodía foi clausurado cun acto no Auditorio de Moraña ao que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Formación de Emprego, Carmen Gómez. Estiveron acompañados polo rexedor de Moraña, José Luis Gómez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como polo alumnado do Obradoiro e o equipo directivo e docente.
Este proxecto, a sétima edición que comparten os concellos de Valga e Moraña, formou durante un ano a vinte persoas desempregadas nas especialidades de carpintería e forestais. Os alcaldes agradeceron aos aprendices a súa implicación e as súas gañas de aprender, o que fixo posible que se realizaran obras coma o acondicionamento de varias zonas verdes e espazos de lecer de Valga ou a colocación de pérgolas e unha randeeira na Mina Mercedes, entre outras. Un certificado de profesionalidade xa baixo o brazo, Bello Maneiro animounos a insertarse no mercado laboral, ben por conta allea ou ben emprendendo un novo proxecto empresarial.
Ademais dos representantes políticos, durante o acto tamén interviu, en nome dos alumnos, Vanesa Vidal, que destacou que “durante o último ano aprendemos a ser mellores profesionais, a valorar os nosos montes e a natureza (no caso dos aprendices de forestais) e a traballar en equipo. Levamos un título, pero tamén moitos amigos e compañeiros”. Ademais, gradeceu aos concellos que aposten por estes proxectos formativos.
A Xunta de Galicia aportou arredor de 530.000 euros para o desenvolvemento deste Obradoiro de Emprego e tamén subvenciona o próximo: un novo proxecto dual promovido polos concellos de Valga, Moraña e Portas no que tamén se formarán vinte desempregados. Ten previsto o seu comezo no vindeiro mes de decembro.