- A mostra, con obras pictóricas feitas polos usuarios do CODI, pode verse no Auditorio Municipal ata o finais de novembro
- As persoas que o desexen poden deixar os seus lemas a favor da erradicación da violencia machista
Valga, 22 de novembro de 2024.
Dende onte e ata o finais de mes a sala de exposición do Auditorio Municipal acolle a mostra “Mensaxes contra a violencia”, da asociación Asdivalu, de persoas con discapacidade dos Vales Ulla e Umia.
Membros deste colectivo, que son tamén usuarios do CODI, amosan algúns dos traballos realizados nos obradoiros de expresión artística, que imparte Ángeles Garrido. As obras transmiten mensaxes en positivo sobre a igualdade e o empoderamento feminino.
Ademais, na mesma sala de exposición está reservado un espazo onde todas as persoas que o desexen poden deixar escrito un lema ou alegato en prol da erradicación da violencia de xénero e o machismo. O vindeiro luns, coincidindo co Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, os usuarios do CODI estarán no Auditorio animando e invitando a todas as persoas a que deixen a súa mensaxe.
Esta actividade forma parte da programación conmemorativa do 25-N.