- A actividade, organizada con motivo do 25-N, reuniu a unha quincena de usuarios acompañados por catro monitoras
- O percorrido polas diferentes salas expositivas foi guiado polo técnico municipal Santiago Chenlo
Valga, 21 de novembro de 2024.
O Museo da Historia recibiu esta mañá a visita dun grupo de usuarios da asociación Amicos, con sede en Boiro e que traballa con persoas con discapacidade e diversidade funcional. Arredor de quince usuarios, aos que acompañaron catro monitoras, participaron nesta actividade, que foi organizada con motivo da conmemoración, o vindeiro luns 25, do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller e, por este motivo, a visita estivo centrada no papel da muller ao longo da historia e na figura da valguesa máis relevante: a Bella Otero.
O técnico municipal e responsable do Museo, Santiago Chenlo, exerceu de guía e explicoulles aos visitantes diferentes aspectos da historia de Valga pero tomando como referencia o papel xogado pola muller nas diferentes etapas e momentos sociais, históricos e culturais. A presencia feminina en acontecementos coma a Batalla de Casal de Eirigo ou as representacións que se fan da muller no patrimonio relixioso foron algunhas das cuestións que lles explicou.
A última parte da visita estivo centrada na Bella Otero, lembrando que a que pasou á historia coma unha muller forte e poderosa, foi de nena unha vítima da violencia de xénero, ao sufrir unha agresión sexual e, posteriormente, o rexeitamento social que a levou a fuxir de Valga.