- Foi a campaña con máis participación dos últimos tempos en Valga
- O autobús estivo durante a mañá en Pontevalga e pola tarde desprazouse a Cordeiro
Valga, 11 de maio de 2018.
A unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, dependente da Consellería de Sanidade, que durante a xornada de onte se desprazou a Valga dentro da súa campaña “Súmate, doa sangue” acadou no municipio un total de 74 doazóns.
Foi a campaña con máis participación dos últimos tempos no municipio. Na anterior, en xaneiro, recadáranse 40 doazóns e as campañas do ano pasado oscilaron entre 50 e 60 doantes. De aí que a propia Axencia Galega do Sangue indique que as 74 doazóns de onte supoñen un resultado “excelente”. O Concello, pola súa parte, agradece aos doantes a súa solidariedade, xa que pode axudar a salvar vidas.
O autobús estivo durante a mañá en Pontevalga, emprazado diante do Concello, e pola tarde desprazouse a Cordeiro, nas inmediacións do Auditorio Municipal, para facilitar que os veciños das distintas parroquias se achegasen a doar. Estas campañas tratan de informar e sensibilizar sobre a importancia deste acto altruísta para para cubrir as necesidades dos hospitais galegos, que atenden cada día unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos. O obxectivo é acadar as 100.000 doazóns cada mes, cifra que precisan os hospitais para atender a todos os enfermos.
Neste sentido, hai que ter presente que de cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes (glóbulos vermellos, plasma e plaquetas) que adoitan utilizarse por separado, de maneira que unha doazón pode beneficiar a máis dun paciente. Enfermos que se teñen que operar, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro ou leucemia ou se teñen que someter a transplantes de órganos son os principais receptores das doazóns. Unha intervención cirúrxica pode precisar dúas bolsas de glóbulos vermellos e nalgúns accidentes de tráfico e transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan dez ou vinte persoas.
A unidade móbil da Axencia Galega do Sangue regresará a Valga no verán, unha das épocas de maior dificultade para acadar as doazóns que precisan os enfermos.