- Celebrarase o vindeiro xoves, 28 de novembro, a partir das seis da tarde
- A nova académica, veciña de Laxes, foi no pasado verán a pregoeira da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
Valga, 21 de novembro de 2024.
A Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia celebrará no Auditorio Municipal o acto de ingreso da valguesa María Esther Ordóñez Dios. Celebrarase o vindeiro xoves, 28 de novembro, a partir das 18:00 horas, coa asistencia do presidente da academia, Antonio Crespo Iglesias, e tamén do alcalde, José María Bello Maneiro, entre outras autoridades.
A nova académica tomará posesión da cadeira número 22 e dará lectura ao discurso de ingreso, titulado “Apicultura en Galicia, unha tradición gandeira en harmonía da biodiversidade”. O discurso de contestación será pronunciado polo académico de número Alberto Manuel Portela Vázquez.
Mª Esther Ordóñez Dios, que no pasado verán foi a pregoeira da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, é licenciada en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre os cargos e responsabilidades que ostenta destacan: presidenta do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia; veterinaria e administradora da Agrupación Apícola de Galicia; membro do panel de catadores da IXP Mel de Galicia e do Panel Nacional de Catadores de Mel; membro da asociación AVESPA, de Veterinarios especialistas en sanidade e produción apícola de España; ademais participa en proxectos de investigación, interrexionais e europeos, colaborando con outros equipos de investigadores tanto galegos como nacionais e internacionais.