- Organízanse actividades cos centros educativos, coa asociación Asdivalu e outras dirixidas a público adulto
- Entre as persoas que asistan aos actos do día 25 repartiranse chalecos reflectores conmemorativos
Valga, 22 de outubro de 2024.
O Concello de Valga desenvolverá durante as vindeiras datas unha campaña de sensibilización e prevención da violencia de xénero, con motivo da conmemoración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional para eliminación da violencia contra a muller.
Dende distintos departamentos municipais, coma Educación, Benestar Social e Cultura, deseñouse unha programación con actividades formativas e lúdicas dirixidas a diferentes sectores poboacionais, co obxectivo de concienciar sobre a importancia de que todos nos impliquemos na loita contra a violencia machista e contra todo tipo de manifestacións ou accións que contribúen á desigualdade de xénero.
Realizaranse, en colaboración cos colexios valgueses, actividades educativas que incidirán en aspectos que directa ou indirectamente contribúen á desigualdade e nas diferentes formas nas que pode manifestarse a violencia de xénero. Outra parte da programación dirixirase a público adulto, coma o programa de autocoidados ou o curso de autodefensa feminina, e cóntase tamén coa colaboración da asociación Asdivalu de persoas con discapacidade na exposición “Mensaxes contra a violencia”, que poderá verse no Auditorio a partir do día 21.
No propio día contra a violencia de xénero, o 25 de novembro, as principais actividades realizaranse no Auditorio e no Concello, con citas coma unha charla coloquio sobre corresponsabilidade, ou a lectura do manifesto contra a violencia machista. Entre as persoas que asistan aos actos desta xornada repartiranse chalecos reflectores conmemorativos do 25-N.
PROGRAMACIÓN CONMEMORATIVA DO 25-N
- CONTACONTOS POLA IGUALDADE
- Rosa Caramelo (alumnado de Educación Infantil)
- Vanesa non quere ser princesa (alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria)
- XINCANA CORRESPONSABLE – Alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria
- CHARLA “REPENSANDO A MASCULINIDADE” – Alumnado de Educación Secundaria
- EXPOSICIÓN “MENSAXES CONTRA A VIOLENCIA” – Do 21 ao 30 de novembro no Auditorio
- LUNS, 25 DE NOVEMBRO:
- Ás 10:30 horas no Auditorio: Presentación do programa de Autocoidados
- Ás 11:00 horas no Auditorio: Charla coloquio sobre corresponsabilidade
- Ás 12:00 horas no Concello: Minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero
- A continuación: Lectura do manifestó do Concello contra a violencia de xénero
- Reparto de chalecos reflectores conmemorativos do 25-N entre os asistentes
- ANDAINA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO – Xoves, 28 de novembro ás 17:00 horas. Con saída e chegada no Auditorio
- OBRADOIRO DE SENSIBILIZACIÓN FRONTE Á VIOLENCIA – Venres, 29 de novembro ás 18:00 horas no Auditorio. Dirixido a público infantil
- CURSO DE AUTODEFENSA PERSOAL FEMININA – Inscricións no Concello e no Auditorio