Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Deputación de Pontevedra investirá 6.000 euros para divulgar esta ruta, que discorre polos Martores, Laceiras e o petróglifo Pedra da Serpe

- A vía de peregrinación luso-galaica une os principais santuarios de advocación mariana entre Braga e Muxía

VíaMarianaReunión

Valga, 18 de novembro de 2024.

A concelleira de Turismo, Malena Isorna, asistiu na sede de Turismo Rías Baixas a unha xuntanza de representantes dos concellos da provincia polos que discorre a Vía Mariana Luso Galaica, unha ruta de preto de 400 quilómetros que une os santuarios de devoción mariana desde Braga (Portugal) ata Muxía. A reunión estivo presidida pola deputada Nava Castro, e, ademais de Valga, estiveron representadas as localidades de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Covelo, Ponte Caldelas, Mondariz, A Lama e Cuntis.

Neste encontro anunciouse o investimento, por parte da Deputación, de 6.000 euros para promocionar e divulgar a Vía Mariana en eventos e feiras do sector turístico coma Fitur. Nava Castro remarcou o interese desta ruta, “que mostra o patrimonio histórico, natural e paisaxístico da provincia e contribúea a diversificar a oferta turística da provincia”, e transmitiu a vontade da administración provincial, de seguir traballando para dala a coñecer a nivel turístico pero tamén cultural.

Pola provincia de Pontevedra discorren preto de 140 dos 380 quilómetros total da Vía Mariana e sete das súas 18 etapas. É unha combinación de antigos camiños locais que pasan polos principais santuarios portugueses e galegos de advocación mariana e de devocións a santos milagreiros. Valga forma parte da etapa 12 desta ruta, que abarca dende Cuntis a Herbón. O percorrido entra en territorio valgués pola zona dos Martores e avanza en dirección a Pontecesures pasando polas Laceiras e o petróglifo Pedra da Serpe.  

Volver