Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A sesión terá lugar o martes 15 de maio a partir das 16 horas e é necesaria inscrición previa

- Para o luns 14 está programada outra conferencia sobre a factura do gas

2

Valga, 11 de maio de 2018.

A Aula CeMIT retransmite o vindeiro martes, 15 de maio, por videoconferencia a charla “Tramitación electrónica en aproveitamentos madeireiros e leñosos”, unha actividade que se desenvolverá entre as 16 e as 18 horas.

O pasado 26 de abril publicouse no Diario Oficial de Galicia unha orde da Consellería do Medio Rural relativa á autorización de determinados trámites en aproveitamentos madereiros e leñosos, establecéndose a presentación electrónica obrigatoria para todas as persoas xurídicas e os seus representantes, así como as entidades sen personalidade xurídica.

O grao de interese en toda Galicia é moi alto xa que tramítanse cada ano milleiros destes expedientes por parte de empresas e particulares, tanto nas cidades, como nos concellos máis pequenos. Igualmente salientar o interese que ten para os particulares, xa que aínda que non están obrigados a este trámite electrónico, poden facer outros como a declaración responsable, o que lles permite realizar o aproveitamento forestal desde o mesmo intre da súa presentación, polo que a tramitación electrónica ten unha utilidade inmediata.

Os contidos da actividade, eminentemente práctica, serán os seguintes:

- Identificación de procedementos de autorización, declaración responsable e comunicación final.

- Aplicación de formularios CORWEB na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

- Presentación na Sede Electrónica con distintos medios sinatura electrónica.

- Rolda de preguntas.

Ademais, a Aula CeMIT ten programada para o luns, día 14 outra actividade. Retransmite por videoconferencia a charla “A factura do gas: dereitos dos consumidores”, promovida pola Escola Galega de Consumo e orientada a todos os públicos.

Con esta charla preténdese facilitar os coñecementos básicos necesarios para comprender a factura do gas, para adoitar medidas de aforro no seu gasto e para realizar unha reclamación nos distintos supostos que se poidan presentar en relación á contratación dos servizos prestados polas compañías de gas.

A conferencia, cunha duración aproximada dunha hora, dará comezo ás 12 da mañá. Para asistir é necesario inscribirse con anterioridade. Pode facerse premendo no seguinte enlace https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/24882 ou na Aula CeMIT de Valga, emprazada no Auditorio Municipal.

Volver